Opinión

Quen erra

No medio da semana celebrabamos o Día da Poesía. A miña cabeza imaxinaba frases para esta columna en que a palabra poética fose protagonista. Preparei actividades didácticas sobre Mahmud Darwish porque "fomentar a visiblización daquelas lingua que se atopan en perigo" (Unesco) pode ser o mesmo que visibilizar os pobos en perigo: Palestina. Segundo recolle a tradutora M. L. Prieto, Darwish dixo: "A ocupación israelí que nós sufrimos é longa. Mesmo a lingua, a palabra, están 'ocupadas', no sentido de que rematamos por falar só da actualidade política". Algo así dixo no acto do Hotel Araguanei, cando a AELG o nomeou Poeta Galego Universal. E sempre lembro isto cando o leo.

Eu que defendo que a poesía alenta conciencias, síntome un pouco desa maneira hoxe. Porque necesito expresar a miña repulsa contra o feminicidio de Ribeira. Sumar as miñas palabras ás concentracións e manifestos. Engadir a miña area á vosa para seguir construíndo unha montaña (como dicía Reimóndez falando de Altri) contra a ideoloxía machista que sustenta e permite que a violencia de xénero siga tendo a forma dun iceberg e se manteña oculta, tolerada, permitida até que acada ese cume atroz: o asasinato, entón si, entón minutos de silencio á porta das institucións, mentres non se adoptan medidas legais, xudiciais, orzamentarias ou sociais suficientes para deter a man que nos asasina.

Nos xulgados o culpable dirá que quedou durmido ao volante, se cadra un xuíz absolverá o imputado porque o xurado errou na súa valoración, ou un médico que no seu día foi condenado por un hom(femin)icidio reclamará o dereito a que se esqueza o delito. Tal e como vai esquecendo o sistema de vixilancia, imperfectísimo, os delitos denunciados ao deixalos inactivos, malia comprobarmos unha e outra vez a reincidencia.

Contra esta úlcera social que arrastramos, a poesía será reflexión e refuxio: necesaria. A poesía de Luísa Villalta que hoxe nos representa a todas cando escribe: "Pero se non me ves, es ti quen erra".

Comentarios