Opinión

Rebentar as armaduras

De todas as palabras que esta semana foron ditas ou escritas sobre o noso idioma, eu quedo cos "globos de helio que cobran vida [...] máis alá dos tellados da torre da Berenguela, mais sen renunciar nunca á túa identidade, xamais". Palabras de Ledicia Costas ao recibir a medalla Castelao, volvendo formular que só seremos universais se non renunciamos á nosa identidade. Ela é exemplo, a súa obra, escrita na nosa lingua, chegou e chegará a onde os que nos negan son mesmo incapaces de imaxinar. 

Nesta semana de publicidade ilegal e silencio institucional eu colocaría as palabras de Ledicia en cada valado publicitario do país: "Rebentar as costuras e facelo en galego".

E contaría en céntimos e en euros cada incumprimento da misión principal con que naceu a CRTVG: normalizar e mellorar o uso da nosa lingua, promover a nosa cultura. Porque me nego a que se pague con diñeiro público esa abusiva incorrección coa que esnaquizan o galego persoas que se empoleiran nunha pretendida sabedoría política e non saben conxugar un verbo, ou inventan frases feitas en que mesturan galego e español. Ou esa agresión á nosa tolerancia incorporando como colaboradores, a este ou aqueloutro programa, persoas que destacan pola súa belixerancia contra a lingua, negándoa, ridiculizándoa e insultando os seus falantes, as persoas que reclamamos respecto para a lingua desta terra que, queiran ou non, só é unha, a galega (sempre co prefixo nazi, por certo).

Ledicia Costas dixo que debeu construír unha armadura e escribir e escribir e escribir. Ás veces semella que non haxa outra alternativa, como cando te marcan cunha tarxeta azul no exame do Sergas, esas queren facer o exame en galego, velaí as que se atreven a lidar coas incorreccións lingüísticas das malas traducións do español en contra da recomendación das academias e se arriscan a que, se a pregunta acaba por ser diferente á do texto que traducen, non lla puntúen porque o correcto é o exame en español. 

Con armaduras si. Para rebentalas. 

Comentarios