Opinión

Vellez digna

Cada vez penso máis na vellez. Penso en se a miña pensión será suficiente para completar o pago da residencia. Penso nos impostos que levo pagando desde que comecei a traballar para que a totalidade da miña pensión teña que pagar unha empresa que ten por obxecto o lucro, antes có servizo. E penso na miña nai, unha nena da posguerra.

O IGE soamente me permite consultar a evolución da dependencia entre 2007 e 2017, aumentou en 17.005 persoas. E entre estas persoas a maioría eran mulleres. Por exemplo, en 2017 das 117.875 persoas dependentes, 70.793 son mulleres (o 60%) e delas 52.905 (o 74,5%) tiñan 75 anos ou máis. Segundo o INE nese ano 2017 a taxa de dependencia de Galiza era de 59,49, catro puntos por riba da taxa de ámbito estatal (53,50).

O INE si que nos ofrece datos de 2023, datos que fronte ao mantemento da taxa a nivel de Estado (53,42), mostran o incremento en Galiza: 62,24, case 9 puntos de diferenza, sendo a terceira máis alta só por detrás de Castela e León e Asturias. Datos, por certo, que coinciden co índice de envellecemento.

A xubilación media en Galiza é de 1.221,92€, 212,9€ por debaixo da media estatal. Porén a paga por viuvez media é de 755,91€, 135,9€ por baixo da media do Estado. Falamos das nosas nais e avoas, as mesmas ás que durante a Ditadura lles dixeron que tiñan que dedicarse á súa casa a coidar do seu home e resto da familia e agora só teñen dereito a unha paga que, non só está por debaixo do SMI, senón que é o 60% da xubilación media, coma se o traballo que desenvolveron desde a casa non tivese o mesmo valor, cando foi unha liña de aforro incalculábel para as institucións que tan indignamente as tratan hoxe.

Velaquí as consecuencias do “marabilloso” modelo social do patriarcado, sustentado polas ideoloxías conservadoras que regalan bonos coidado en campaña electoral, mentres non crean prazas públicas, non asumen as súas obrigas e entregan tan delicado labor ao lucro das empresas, para maior enriquecemento de determinadas familias.

Comentarios