A arte contra as ideas de centro e periferia

Os discursos sobre a modernidade elabóranse desde os "centros", mais as "periferias" crean os seus propios paradigmas que cuestionan as xerarquías. Unha exposición no Centro Iberoamericano de Cádiz confronta obras de artistas galegos e andaluces na busca de complicidades e paralelismos.
Unha das salas da exposición no Centro Iberoamericano de Cádiz. (Foto: Ada Cerdá)
photo_camera Unha das salas da exposición no Centro Iberoamericano de Cádiz. (Foto: Ada Cerdá)

Cuestionar as ideas de centro e periferia, a catalogación xerárquica de territorios que nos impoñen os discursos oficiais e oficiosos. Estabelecer conexións entre núcleos illados pola súa condición aparentemente marxinal. A exposición Adiós / Volverán, que se pode ver até o 15 de xaneiro na Casa de Iberoamérica de Cádiz, apela ao poema de Rosalía de Castro (“Adiós ríos, adiós fontes…”) e de Gustavo Adolfo Bécquer (“Volverán las oscuras golondrinas…”) para, confrontando obras de artistas galegos e andaluces, permitirnos "albiscar esoutro escenario, o que xorde mirando o eixo que vai do suroeste ao noroeste, fóra da triangulación do eixo hexemónico Madrid, Catalunya e Euskal Herria, dominante na historia oficial pero tamén, e iso é o grave, nos relatos alternativos”. 

"Todo parte dunhas conversas que tiñamos desde hai anos Pedro G. Romero e mais eu", explica, en conversa con Nós Diario, Ángel Calvo Ulloa, comisario da exposición xunto co propio Romero. "Buscando conexións entre o que pasaba en Andalucía e na Galiza, decatámonos de que esa condición de periféricos que asumiamos viña dada por un discurso que privilexiaba ese triángulo". 

Na correspondencia que mantiveron para reflexionar sobre o asunto, Romero escribíalle a Calvo Ulloa: "Moitas veces preguntámonos cal é a verdadeira periferia e como podía ser que os centros económicos máis potentes do país, Euskadi e Catalunya, pasasen por ser periféricos cando a súa centralidade só difire da de Madrid en que é unha centralidade outra", nesa procura dun lugar onde situar unhas identidades que sempre "van á capital" -sexa cal for esa capital- para realizar os traballos máis duros. 

"Nas nosas conversas aparecían moito palabras como 'vernacular', 'subalterno' ou 'periferia', e quixemos investigar quen habitaba esas supostas marxes", acrecenta Calvo Ulloa. "Decatámonos de que sempre eran os mesmos pobos; que existían conexións que se podían estabelecer entre os itinerarios que se desenvolvían en cada un deles". 

"O título parte da convicción de que, en realidade, a modernidade entra no Estado español da man de dous poetas que veñen desas periferias: Rosalía de Castro e Gustavo Adolfo Becquer", manifesta Calvo Ulloa. "Logo quixemos presentalo dunha forma un tanto irónica, xa que escollemos os dous poemas quizais máis tópicos de Rosalía e de Bécquer. Mais a proposta é moi seria e pode verse que esas conexións existen". 

Eixos e paralelismos

En realidade, o proxecto pretendía cinguirse a unha serie de encontros nos que se debatese sobre a identidade que se crea nas marxes, mais a Casa de Iberoamérica quixo elevar a aposta e a exposición púxose en marcha arredor de varios eixos: a construción dunha modernidade con códigos propios, invocada aquí a través da pintura de Ovidio Murguía; de movementos de poboación a través da emigración e o exilio, con obras de Carme Nogueira e de María García Ruiz ou de Manuel Ángeles Ortiz e María Antonia Dans; da apelación ao excéntrico, ao periférico, como un modo de vida alternativo, exemplificados polo cinema de David Castro, os inventarios de Inmaculada Salinas e as esculturas de Cristina Mejías, en diálogo aquí coa obra de Euxenio Granell ou Arturo Souto. 

Tamén o traballo: a loita obreira e os conflitos laborais e políticos reflectidos por Carlos Velo e Miguel Alcobendas, ou polo anarquismo bohemio de Urbano Lugrís; e a cacofonía creada polas voces diversas, dunha "lingua que se enuncia desde as súas propias marxes", como nos casos de Reimundo Patiño, Carlos Alcolea, Luz Pichel, Luis Melgarejo, Berio Molina ou Juan Isaac Silva. Se cadra, a solidariedade entre periferias e as preguntas sobre as identidades que suscita esta exposición reflíctese mellor que en ningún outro sitio na gravación de un dos seis poemas galegos de García Lorca na voz da artista Julia Fuentesal, do colectivo Fuentesal Arenillas, que o le con acento de Huelva. 

"Gústanme porque soan solemnes", escribía Calvo Ulloa, "porque en ningún caso busca caer nos tópicos típicos do galego, do galeguiño, dese sambenito ridiculizante que se nos impuxo. Pero iso pasa con case todos, cos vascos e os seus chistes de bilbaínos, cos andaluces e os de Lepe, cos cataláns e a tacañería... Haberá chistes de madrileños?".

Comentarios