Este domingo comeza a tempada de pesca fluvial na Galiza

A apertura dos períodos hábiles para capturar troitas e carpas marca o inicio da campaña.
Un home pesca nun río (Foto: Brais Seara).
photo_camera Un home pesca nun río (Foto: Brais Seara).

A tempada de pesca fluvial arrinca este domingo na Galiza, tras a apertura dos períodos hábiles para capturar troitas e carpas, aínda que para outras especies, como os salmóns, este período iniciarase o 1 de maio.

Esta actividade poderase practicar no período comprendido entre unha hora antes de que saia o sol e unha hora despois de que se poña.

Con carácter xeral, serán hábiles todos os días para pescar en ríos e encoros fóra das segundas feiras, salvo os que sexan festivos estatais ou autonómicos. Iso si, as quintas feiras só serán hábiles para a modalidade de pesca sen morte -tamén fóra dos festivos-.

Tallas mínimas

A normativa autonómica fixa as cotas de captura e as tallas mínimas que deben ter os peixes. Por exemplo, as troitas -que inauguran a tempada- deben medir, como mínimo, 19 centímetros, aínda que os límites poden ser de 21, 23 ou 25 centímetros en función do lugar de captura. Tamén depende do lugar a cifra máxima de exemplares que se poden pescar, situada entre tres e seis.

Período hábil

O período hábil para a pesca fluvial irá até o 30 de setembro nos cotos de pesca intensiva e nos tramos sen morte, mentres que nos cotos con convenio, con carácter xeral a tempada prolongarase até a mesma data na modalidade sen morte.

A Galiza contabiliza un total de 132 cotos de pesca. Xunto a estes, hai outros 141 tramos fluviais identificados para practicar a pesca sen morte.

Comentarios