Os recursos naturais galegos fican cada vez máis perto dun fondo dos Emiratos Árabes: Naturgy é suspendida de cotización en bolsa

A multinacional é a segunda produtora hidráulica da Galiza con 1.120 megawatts e 12 encoros, e tamén terceira xeradora eólica con 93,2 megawatts e 16 complexos no territorio galego.
Parque eólico da compañía enerxética presidida por Francisco Reynés (Foto: Naturgy).
photo_camera Parque eólico da compañía enerxética presidida por Francisco Reynés (Foto: Naturgy).

A Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) suspendeu preventivamente e con efectos inmediatos a cotización de Naturgy "mentres é difundida unha información relevante sobre a citada entidade". No momento da suspensión, as accións da enerxética subían 1,3%, até os 21,80 euros por título.

Tal e como adiantou La Vanguardia, o holding Criteria está a negociar a entrada en Naturgy de Taqa, un grupo de Emiratos Árabes, coa toma de 40% do capital. As accións da compañía presidida por Francisco Reynés disparáronse tras confirmar Criteria a existencia destas conversacións, que están sendo tuteladas polo Goberno estatal.

A multinacional é a segunda produtora hidráulica da Galiza con 1.120 megawatts e 12 encoros, e tamén terceira xeradora eólica con 93,2 megawatts e 16 complexos no territorio galego, puxo o foco dos seus obxectivos neste ano na xeración renovábel de electricidade, polo que non é descartábel que intente reafirmar a súa posición no liderado do aproveitamento dos recursos galegos con novos proxectos.

As accións de Naturgy repuntaron esta terza feira case 3,4% en Bolsa tras confirmar CriteriaCaixa que mantén conversacións "preliminares" cun potencial grupo investidor que está en contacto con algúns dos accionistas de referencia da enerxética e interesado "en alcanzar un potencial acordo de socios" co vehículo investidor de La Caixa.

Nacida despois da absorción de Unión Fenosa -empresa que tiña o groso do seu persoal na Galiza- por parte de Gas Natural en 2008, que resultou en Gas Natural Fenosa, os títulos da actual Naturgy foron os mellor valorados do Ibex 35 na sesión bolsista da terza feira, apuntándose unha subida de 3,36% ao final da xornada, até os 21,52 euros, o seu prezo máis alto ao fechamento desde finais de febreiro.

As accións de Naturgy, que chegaron a dispararse ata máis de 8% nalgúns momentos do día, perderon forza ao longo da sesión, aínda que terminaron rexistrando a súa mellor xornada bolsista desde o 14 de outubro de 2022.

Máis de 87% do capital da enerxética está en mans dos seus accionistas significativos, onde destacan Criteria, que conta con 26,7%, tres fondos de investimento estranxeiros -CVC, con 20,7%; GIP, en vías de ser absorbido polo xigante BlackRock, con 20,6%; e IFM, con 15%- e a estatal alxerina Sonatrach (4,1%).

Nun comunicado á CNMV, Criteria explicou que as conversacións cun grupo investidor "atópanse nun estadio preliminar", polo que non se pode aventurar o resultado final. O brazo investidor da Caixa asegurou que non forma parte das negociacións co resto de accionistas de Naturgy e que se se alcanza un acordo, será comunicado publicamente.

Comentarios