Eleccións Europeas 9-X

Agora Repúblicas: BNG, ERC, Bildu e Ara Més asinan o acordo de coalición para as europeas e defenden o seu legado

Ao Bloque, desta volta, correspóndelle o terceiro posto na papeleta, e non o quinto, como nas anteriores eleccións.
De esquerda a dereita, Mateu Mates (Ara Més), Pernando Barrena (EH Bildu), Oriol Junqueras (ERC) e Rubén Cela (BNG). [Foto: Alberto Paredes / Europa Press]
photo_camera De esquerda a dereita, Mateu Mates (Ara Més), Pernando Barrena (EH Bildu), Oriol Junqueras (ERC) e Rubén Cela (BNG). [Foto: Alberto Paredes / Europa Press]

O presidente de ERC, Oriol Junqueras; o cabeza de lista de EH Bildu ao Parlamento Europeo, Pernando Barrena; o responsábel de Relacións Internacionais da Executiva do BNG, Rubén Cela, e mais o coordinador de Ara Més, Mateu Mates, asinaron esta quinta feira en Barcelona o acordo da coalición Agora Repúblicas para concorrer ás eleccións europeas e reivindicaron o traballo feito nesta última lexislatura.

Nun acto conducido pola eurodeputada e cabeza de lista de ERC aos comicios, Diana Riba, as organizacións asinantes celebraron que se reedite a candidatura coa que xa concorreran aos comicios en 2019, obtendo tres escanos, e que este ano sexa "máis potente e ambiciosa" coa incorporación dos baleares de Ara Més. "É unha candidatura que pretende volver traballar polas nacións sen Estado e para alcanzar un Estado propio e construír estas sociedades máis xustas, igualitarias e sustentábeis", destacou Riba. Ao BNG, desta volta, correspóndelle o terceiro posto na papeleta, e non o quinto, como nas anteriores eleccións.

Así, explicou que nesta lexislatura queren seguir debatendo o dereito á autodeterminación en Europa, algo que considera que xa fixeron nestes últimos cinco anos ao presentarse "unha lei de claridade comunitaria que debe axudar a resolver os conflitos de soberanía dentro da UE". Tamén queren defender as súas respectivas linguas nas institucións europeas "ante o nacionalismo español dentro do Comité de Peticións", así como impulsar a súa oficialidade e convertelas en linguas de traballo na Eurocámara.

En materia de violencias machistas, Riba reivindicou conseguir pór sobre a mesa unha directiva sobre esta cuestión, así como "unha lexislación europea que traballe para protexer as e os xornalistas e todas as activistas ante as demandas 'mordaza' que cada vez máis gobernos e grandes empresas queren utilizar para silenciar disidencias".

A eurodeputada de ERC, ademais, celebrou lograr a creación dunha comisión de investigación sobre Pegasus e que o informe puxese "ao mesmo nivel o Estado español que países como Hungría e Polonia no uso destas tecnoloxías". A pesar de admitir que non o conseguiron todo, asegurou que no ámbito da defensa do sector primario ou a relativa a políticas fiscais atopáronse moi sós.

"Os partidos do réxime do e as dereitas votaron en contra dos agricultores e a favor de vellas receitas austericidas que só benefician os de sempre, os privilexiados", dixo. Por iso, chamou á participación nas eleccións porque, ao seu xuízo, hai moito en xogo para manter Europa "como un espazo de dereitos e liberdades que dea resposta ás diferentes crises, como a social, económica e ecolóxica, e sobre todo a democrática".

Rubén Cela: "O escano do BNG estará ao servizo de todo un país"

Rubén Cela, representante do BNG, na sinatura da coalición Agora Repúblicas. (Foto: Alberto Paredes / Europa Press)
Rubén Cela, representante do BNG, na sinatura da coalición Agora Repúblicas. (Foto: Alberto Paredes / Europa Press)

"Para nós esta foi unha coalición moi útil hai cinco anos, que garantiu un gran traballo en defensa dos nosos respectivos pobos", enxalzou o galego Rubén Cela, que tamén celebrou que Ara Més vaia este ano tamén na papeleta canda as formacións soberanistas galega, vasca e catalá, e argumentou que, aínda que pertencen a territorios distintos, teñen "moitos valores e principios políticos importantes" en común.

Defendeu que Agora Repúblicas é "unha coalición ampla, plural, aberta, transformadora e de avance social" que porá o foco na defensa da democracia, as liberdades e os dereitos colectivos dos pobos e das persoas. "Garantiremos que o escano do BNG non será só o escano dunha organización política, senón un escano ao servizo de todo un país, como o foi ao longo destes anos cun inxente traballo por parte da nosa compañeira Ana Miranda", concluíu.

Comentarios