Tanxugueiras, Touriñán e Ledicia Costas, entre os referentes do idioma galego

Alingua busca dinamizar o galego na mocidade
O alcalde de Ames, García, a de Compostela, Sanmartín, e a de Teo, Calvo, en primeira fila, con representantes da Baña, Carballo e Rianxo. (Foto: Alingua)
photo_camera O alcalde de Ames, García, a de Compostela, Sanmartín, e a de Teo, Calvo, en primeira fila, con representantes da Baña, Carballo e Rianxo. (Foto: Alingua)

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que aglutina os servizos de normalización lingüística de 19 concellos, continúa este outono coas accións programáticas de "É túa. Pásaa!", campaña de difusión posta en marcha neste  ano 2023 co obxectivo de promover e dinamizar en diferentes ámbitos o uso do galego.

No marco desta iniciativa, Alingua presentou esta terza feira, 7 de novembro, en Teo o seu Catálogo de referentes, acompañado dunha guía didáctica de descarga libre e dun cartel de referentes dirixidos ao alumnado galego. Entre os persoeiros destacados por Alingua salientan os actores María Vázquez e Xosé A. Touriñán, o ilustrador Luís Davila, as músicas Tanxugueiras, as escritoras Ledicia Costas e Antía Yáñez, a científica Sonia Villapol ou a sindicalista Isabel Vilalba.

A asociación tamén deu a coñecer a Cartografía sensorial, un espazo virtual de paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade. 

Na presentación participaron Lucía Calvo, alcaldesa de Teo (comarca de Compostela), María Vázquez, concelleira de Lingua de Teo, Blas García, alcalde de Ames (comarca de Compostela) e Goretti Sanmartín, alcaldesa da capital galega. Tamén asistiron edís doutros concellos integrantes de Alingua, como Ramón Varela, concelleiro de Carballo (Bergantiños), Olalla Filgueira, concelleira de Rianxo (O Barbanza) ou Manuel Cobas, concelleiro de Rois (O Sar).

En galego, día a día

O Catálogo de referentes preséntase como un compendio en permanente medra onde se recollen figuras destacadas de diferentes ámbitos sociais e culturais que desenvolven en galego tanto o seu día a día como a súa traxectoria profesional. O catálogo créase, segundo indican desde a entidade, co fin de darlle visibilidade aos usos reais da lingua galega en ámbitos diversos, así como en espazos de prestixio, e de achegar referentes que conecten coa mocidade. 

Esta guía dixital recolle máis de corenta figuras salientábeis clasificadas en 12 grandes áreas –comunicación, deporte, artes escénicas e cinema, cómic e ilustración, artes plásticas, moda e artesanía, ciencia, música, literatura, gastronomía, activismo e novas tecnoloxías–, que van máis aló da cultura, persoeiros que participan no proxecto "como unha vía máis de amosar o compromiso co idioma".

Comentarios