O BNG insta a Xunta da Galiza a "obrigar" os Franco a abrir ao público a Casa Cornide

Os herdeiros do ditador deberían ter permitido un réxime de visitas ao palacete xa desde maio de 2021, momento en que se incoou o expediente de declaración como BIC

Casa Cornide, situada na Cidade Vella da Coruña. (Foto: Sandra García Rey)
photo_camera Casa Cornide, situada na Cidade Vella da Coruña. (Foto: Sandra García Rey)

O BNG demandou á Xunta da Galiza que "obrigue" a familia Franco a abrir ao público a Casa Cornide, na Coruña, "tal e como estabelece a súa condición de Ben de Interese Cultural (BIC)".

Nun comunicado, a formación nacionalista remarca que os herdeiros do ditador "deberían permitir un réxime de visitas ao palacete xa desde maio de 2021, momento en que se incoou o expediente de declaración como BIC".

"A familia Franco leva tres anos incumprindo a lei e a Xunta mirando para outro lado", afirma a deputada do BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas. Faino tras rexistrar tres preguntas —dúas orais para Comisión e Pleno e unha por escrito— instando a Xunta "a que force dunha vez os Franco a cumprir cos seus deberes como titulares dun BIC abrindo ao público a Casa Cornide".

"Levan tres anos incumprindo a lei, tres anos en que a Xunta non fixo absolutamente nada para garantir o dereito da veciñanza para acceder ao interior dun edificio que, en tempos, acolleu o Concello da Coruña e cuxa titularidade debe ser restituída ao patrimonio público canto antes", afirma.

A recuperación do palacete, en proceso

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, confirmou a pasada semana o inicio do expediente para anular as resolucións administrativas "que deron lugar ao espolio" da Casa Cornide, actualmente propiedade da familia Franco, de cara a recuperar a súa "titularidade pública". Faino logo de que, en setembro de 2019 –xa no pasado mandato–, o Pleno aprobara unha moción do BNG na que se instaba o Goberno local a interpor unha demanda contra a familia do ditador.

A decisión, aínda que celebrada tanto polo BNG como pola Comisión de Recuperación da Memoria Histórica (CRMH), foi tamén criticada pola “demora incomprensíbel” do Concello en incoar o expediente de recuperación.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios