Unha das presentacións do diario.
Unha das presentacións do diario.

Sermos Galiza S.A. reforza a aposta por un diario galego para 2019

Unha das presentacións do diario.
Unha das presentacións do diario.

En novembro de 2017 Sermos Galiza S.A. fixo pública a intención de lanzar un diario en papel en 2019, sustentado a súa viabilidade en lograr 3.000 subscricións. Aquela aposta permanece viva e contarmos en 2019 cun diario en papel é un obxectivo posíbel.

Sermos Galiza S.A. reforza a aposta por un diario galego para 2019
Sermos Galiza S.A. reforza a aposta por un diario galego para 2019

En novembro de 2017 Sermos Galiza S.A. fixo pública a intención de lanzar un diario en papel en 2019, sustentado a súa viabilidade en lograr 3.000 subscricións. Aquela aposta permanece viva e contarmos en 2019 cun diario en papel é un obxectivo posíbel.

 

Co resultado do traballo desenvolto desde aquela e coa certeza de lograrmos o obxectivo marcado, Sermos Galiza S.A. fai un chamamento a apoiar este proxecto en base ás seguintes consideracións:

 

1º) Sermos Galiza S.A. presentou en xaneiro deste ano a proposta de editarmos un Diario Galego. A mesma produciuse despois dunha ampla recollida de ideas e suxestións no marco da celebración do V aniversario –en 2017– da posta en marcha do semanario “Sermos Galiza” e do dixital www.sermosgaliza.gal e contou coas inestimábeis achegas do Grupo Impulsor do Diario Galego, que ficou conformado por un amplo e representativo abano da sociedade galega con 178 persoas.

 

2º) A proposta atopou un xeneroso acollemento na base de subscritoras e subscritores do semanario “Sermos Galiza” así como noutros públicos aos que fomos quen de chegar por medio da organización de 50 presentacións públicas e tamén de campañas de difusión nas redes sociais. No contacto directo coas persoas que se achegaron a escoitar as liñas básicas deste proxecto que denominamos “Sermos O Diario Galego” establecemos un diálogo enriquecedor onde se agrandou e mellorou a perspectiva que un medio de comunicación alternativo e galego debe ter presente. Este laborioso traballo non tería sido posíbel sen a participación de ducias de entidades sociais e de persoas a título particular que se implicaron na promoción destes actos públicos e aos que lles expresamos a nosa gratitude e recoñecemento.

 

3º) As enerxías despregadas por todo o núcleo de persoas relacionadas directa ou indirectamente con Sermos Galiza S.A. (accionistas, subscritoras, lectoras, xornalistas e membros do Consello de Administración) foron moitas, mais foron insuficientes. Sabemos que hai moito público que non coñece aínda o proxecto “Sermos O Diario Galego” que busca a edición dun diario en papel cinco días á semana e un diario dixital de actualización permanente. Un proxecto que precisa diálogo e contraste de opinións para ter unha base sólida, sustentado nas subscritoras e nos subscritores, sen dependencia das axudas públicas –discrecionais na súa inmensa maioría– e tamén sen submisións aos grandes patrocinadores publicitarios de carácter privado que xeran fidelidades na redacción das novas moitas veces incompatíbeis coa defensa dos intereses das galegas e dos galegos.

 

4º) O resultado da campaña de subscricións a trinta e un de xullo e que se puxo en marcha –fundamentalmente no segundo trimestre deste ano– é de 1.515 persoas con todos os datos correctamente recollidos. A data do trinta e un de xullo foi determinada pola empresa para ponderar como ía a marcha do proxecto e sabermos se podía ser verificábel en 2019 pois o Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. sempre tivo presente que a campaña de subscricións debía comezar e rematar no mesmo ano, isto é, en 2018, para non xerar falsas expectativas que puidesen pór en risco a credibilidade do xa existente, isto é, o semanario Sermos Galiza e o diario en liña www.sermosgaliza.gal.

 

5º) A cifra de apoios recadados para a subscrición está –a trinta e un de xullo– no 50% do obxectivo que ciframos como necesario para garantir a viabilidade económica e a calidade xornalística do proxecto “Sermos O Diario Galego”. O resultado fica para aquén das posibilidades que a sociedade galega ten. Afirmámolo despois do contraste feito con todas as persoas que se achegaron aos actos ou coñeceron polas redes sociais o proxecto, e que demandaban da empresa promotora máis tempo para conectar con quen aínda non o coñecía, maiores enerxías na divulgación e socialización do mesmo e confianza en nós mesmos como pobo que é quen de pór en marcha unha voz galega independente e plural no panorama mediático.

 

6º) Tendo presentes todos os datos e as consideracións anteriores o Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. constatou o que xa intuía no momento da partida: que o obxectivo das 3.000 subscricións é difícil mais é posíbel acadalo en 2018. É así que acordou retomar a campaña de subscricións e desenvolvela até o 31 decembro mais facelo de xeito improrrogábel. Se non se lograr ese obxectivo continuaremos editando –iso si, con melloras substanciais– os medios que temos (semanario “Sermos Galiza” e dixital www.sermosgaliza.gal). De lograrmos esa cifra mínima de subscricións Sermos O Diario Galego sairá no segundo semestre de 2019. Lembramos que non se pasará a cobro ningún recibo até termos garantidas esas 3.000 subscricións.

 

7º) Sermos Galiza S.A., a través da súa actual base de accionistas, subscritoras, persoas lectoras e entidades sociais, esforzarase –dentro das súas posibilidades materiais– en mellorar a campaña de contacto e difusión do proxecto “Sermos O Diario Galego” na sociedade galega. Entre outras iniciativas publicarase un número cero de “Sermos O Diario Galego” para termos –aínda que só sexa como aproximación– unha idea estética e de contidos do proxecto. Non desaproveitaremos a posibilidade de que un medio de comunicación de calidade, crítico e en lingua galega se faga cun espazo propio no panorama mediático actual, tendo unha clara vocación galeguizadora. Agardamos contar co teu apoio facéndote asinante.