O BNG rexistra unha Lei de Residencias que aboga pola "vellez digna"

Ana Pontón afirmou que é unha "obriga ética" garantir que
Ana Pontón e Olalla Rodil reunidas con familiares de residentes. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón e Olalla Rodil reunidas con familiares de residentes. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, e a viceportavoz, Olalla Rodil, presentaron na segunda feira unha proposta de lei para cambiar o modelo actual de residencias na Galiza, e apostar por unha baseado no principio da "vellez digna".

A proposta, que xa está rexistrada no Parlamento galego,  desenvolve un modelo residencial de "titularidade e xestión pública", con maior número de persoal, transparencia no acceso a información e un maior número de inspeccións.

O BNG estruturou a súa proposta, consensuada con persoal traballador de residencias e expertas, en catro títulos e case medio centenar de artigos.

Un dos artigos fundamentais da proposta de lei é a de recuperar a xestión pública das concesións que a Xunta ten en vigor na actualidade. Algunhas delas rematan en 2037, mais a viceportavoz do BNG afirmou que co novo modelo podería "acelararse a reversión" se as empresas xestoras non se adecuan aos pregos de contratación.

"Garantir" a atención

Con esta proposta, o BNG  prentende que os maiores conten cun centro de saúde de referencia, como se seguisen a vivir nas súas casas, pero ao mesmo tempo deberán ter "garantida" a atención nas residencias, que deberán contar con persoal con formación sociosanitaria, xeriátrica e sicoxeriátrica,

Outra das medidas que se aplicaría coa proposta dos nacionalistas sería a constitución dun comité ético.

O modelo tamén aboga por centros cun menor número de residentes. En xeral, os cupos máximos serían de 100 prazas, das que 90% como mínimo serían dispostas en habitacións individuais. Os internos dividiríanse en unidades de convivencia de 25 persoas, ao non ser que sexan dependentes, que esa cifra descendería até os 20.

A ratio de persoal deberá superar o mínimo exixido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) de 5%. Un mínimo que na actualidade a Galiza non supera, xa que se atopa en 3%. 

"Obriga ética"

A portavoz nacional do BNG afirmou que que a defensa do dereito a unha vellez digna é unha "obriga ética", para asegurar que calquera persoa que entre nunha residencia "teña a mellor atención posíbel e non estea por diante o negocio".

Para garantir este dereito, a proposta de lei dos nacionalistas fai fincapé no envellecemento activo e saúdabel e nos servizos centrados nas persoas, entre outros.

Estabelece tamén un réxime sancionador, que varía de multas de 100 a 300 euros até sancións de 50.000 a 150.000 euros cando se trate de faltas moi graves.

Comentarios