A Deputación de Lugo expresa o seu rexeitamento a Altri

Unha moción do PP en apoio ao proxecto foi tombada co voto de calidade do presidente da Deputación luguesa, José Tomé, no pleno que decorreu esta terza feira onde os partidos que compoñen o Goberno (PSdeG e BNG) sumaban o mesmo número de deputados que a oposición (PP) por ausencia dun dos seus membros.
altri deputación lugo
photo_camera Concentración de Ulloa Viva ante a sede da Deputación de Lugo (Foto: Deputación de Lugo)

A Deputación de Lugo manifestou a súa oposición á planta de Altri no Concello de Palas de Rei (comarca da Ulloa) co rexeitamento dunha moción levada ao pleno da corporación provincial polo PP en apoio ao proxecto da multinacional portuguesa.

A moción foi tombada co voto de calidade do presidente da Deputación luguesa, José Tomé, no pleno que decorreu esta terza feira onde os partidos que compoñen o Goberno (PSdeG e BNG) sumaban o mesmo número de deputados que a oposición (PP) por ausencia dun dos seus membros.

Deste modo, o texto levado á sesión ordinaria polo Grupo Popular, que pedía apoiar o desenvolvemento da factoría con "respecto" á normativa ambiental e industrial vixente, foi rexeitado cos votos en contra de socialistas e nacionalistas, que acusaron o PP de "mentir" desde a Xunta da Galiza sobre un proxecto que cren que, detrás da "promesa" de construír unha fábrica "verde" de fibras téxtiles, esconde a implantación dunha "macrocelulosa" na comarca da Ulloa.

O encargado de defender a iniciativa foi o portavoz popular, Antonio Ameixide, que asegurou que o proxecto que se atopa en fase de audiencia pública "é o mesmo" que o anunciado hai tres anos e acusou PSOE e BNG de cambiar de discurso sobre Altri tras o resultado das eleccións galegas de febreiro.

"As urnas puxéronos onde os puxeron e agora queren facer ruído", espetou despois de incidir en que "non hai ningún proxecto igual nos últimos 50 anos" para a provincia de Lugo e afirmar que a planta dedicará a súa actividade principal á produción de lyocell (fibras téxtiles), un proceso no que se usará "eucalipto galego 100% certificado" e que implicará tamén a extracción de celulosa para a súa exportación.

“Son cómplices dun engano colectivo”

"O proxecto que ía ser verde está moi verde", arrincou o deputado do PSdeG  Pablo Rivera, que acusou Xunta e PP de "mentireiros" por "abrir a porta" a unha factoría "que non quería en Portugal". "Son cómplices dun engano colectivo e masivo ao pobo galego", aseverou antes de espetar que o proxecto "non ten, de ningunha maneira, nada que ver co anunciado".

Nesta liña, defendeu que o seu grupo posicionouse a favor dunha factoría "innovadora" de produción de fibras téxtiles a partir de material forestal, pero rexeita a "macrocelulosa" que, segundo apuntou, esconde o proxecto final que Altri planea levar a cabo na Ulloa, no que tamén participa Greenalia, compañía na que, como lembrou, ten entre os seus directivos á ex conselleira Beatriz Mato.

“Non é economía circular”

Pola súa parte, o deputado do BNG Efrén Castro remarcou que "a historia" de Altri "podería titularse 'a gran metira do PP, ou o que non quere Portugal, para Galiza'". Así, incidiu en que "a propia empresa recoñece" na documentación que se atopa en fase de exposición pública que a actividade principal será a produción de celulosa.

Segundo Castro, a planta deseñada por Altri "non é unha fábrica de economía circular" nin "de peche de ciclo produtivo", porque o destino da produción será China; ademais de constituír "unha bomba ambiental no corazón da Galiza" que "ameaza" os ecosistemas da serra do Careón "que a Xunta non quixo protexer coa ampliación das áreas Rede Natura", a conca do río Ulla e, mesmo, a ría de Arousa.

Apoio institucional e político

Nesta liña, o BNG ofreceu o apoio institucional e político do grupo provincial á veciñanza da Ulloa, que se está a mobilizar contra a instalación na comarca da pasteira de Altri apadriñada polo Partido Popular.

Efrén Castro e Iria Castro, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
Efrén Castro e Iria Castro, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)

O vicepresidente da Deputación e deputado provincial Efrén Castro reiterou o rexeitamento do BNG ao proxecto que, segundo se confirmou coa fase de exposición pública, non será a anunciada fábrica de fibras téxtiles senón unha pasteira de celulosa que “afectará os recursos hídricos, o medio natural, a actividade agrogandeira e un ben patrimonial como o Camiño de Santiago francés”. Castro acusou o Partido Popular de “mentir” e de querer “converter a comarca da Ulloa nun lugar onde non se poida vivir a cambio de 250 postos de traballo”.

“A sociedade civil levantouse e estalles dicindo que non, e o BNG apoiará todas as iniciativas contra esta aberración ambiental”, sostivo Efrén Castro, que cuestionou tamén o carácter estratéxico do proxecto lembrando “que se trata dunha industria de enclave, unha pasteira de grandes dimensións que non vai fechar ningún ciclo na Galiza e que levará a pasta a outros países para transformala en fibra téxtil”.

 

Comentarios