O PP xuntará centos de persoas sobre o Xardín Histórico do Castelo de Soutomaior, tras 6 anos sen autorización

A localización ten unha forte carga simbólica para os populares

Tellado, Rueda e Feixoo durante o acto de feche de campaña das eleccións estatais o pasado 21 de xullo na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Tellado, Rueda e Feixoo durante o acto de feche de campaña das eleccións estatais o pasado 21 de xullo na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O Castelo de Soutomaior (comarca de Vigo) volverá o domingo, sete anos despois, a albergar o tradicional acto de apertura do curso político que organiza o PP, agora co ex presidente galego Alberto Núñez Feixoo á fronte e co debate de investidura previsto para os días 26 e 27 de setembro no foco estatal.

Fontes do partido na Galiza ratificaron que, após recuperar para o PP a Deputación de Pontevedra nas pasadas eleccións do 28 de maio, tiñan clara a intención de retomar o tradicional arranque nunha localización que ten unha forte carga simbólica para os populares. O PP gobernaba Soutomaior até, precisamente, o pasado 28-M, cando o BNG se fixo coa Alcaldía.

Farano sete anos despois de ser 'expulsados' do castelo tras perder a institución provincial, da que depende o mesmo, e que estivo dirixida por PSdeG e BNG até a substitución propiciada pola cita coas urnas do 28-M.

Agora, con Luís López ‘Lugués’, tamén presidente do PP provincial, á fronte da Deputación pontevedresa, Feixoo será o protagonista dun acto que se celebrou por primeira vez nesta localización no ano 2007. Durante os anos do pontevedrés Mariano Raxoi como líder do partido consolidouse como unha tradición popular.

Despois da súa saída forzada de Soutomaior, os populares trasladaran este acto á Carballeira de San Xusto de Cerdedo-Cotobade (comarcas de Terra de Montes e Pontevedra). Pero, tras recuperar a Deputación, tiñan clara a intención de volver ao castelo e, aínda que houbo un 'baile de datas' para fixar o acto, optouse finalmente por este domingo 27 de agosto.

Nun comunicado, o PP confirma a celebración do acto e destaca que o pasado 28-M puido recuperar "un importante poder territorial", o que lle permitiu volver a institucións como, precisamente, a Deputación de Pontevedra, e "superar a arbitraria decisión do PSOE" de impedir a celebración deste evento no Castelo de Soutomaior.

O debate de investidura, no foco

Os populares confirmaron a data do acto de arranque dun inicio de curso atípico na mesma xornada na que a presidenta do Congreso español, a socialista Francina Armengol, decidiu convocar para os días 26 e 27 de setembro o debate de investidura que terá como candidato (após a proposta do rei español Felipe VI) o presidente do PP.

Feixoo recibiu o encargo do rei, tras a habitual rolda de consultas, e encara, segundo as posturas explicitadas até o momento, unha investidura na que acumularía 172 apoios (os seus 137 deputados, os 33 de Vox e os dous de UPN e Coalición Canaria), o que a convertería en errada salvo que o líder popular logre novos avais no próximo mes.

A data do debate de investidura elixida sitúa unha hipotética repetición electoral o 14 de xaneiro.

 

Comentarios