Máis de medio cento de manifestacións tiveron lugar este sábado en varias cidades do mundo para reclamar medidas reais e ambiciosas contra o cambio climático na Conferencia das Partes da Convención Marco das Nacións Unidas (COP21). Deste xeito, piden controis nas emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera. Un dos protestos máis numerosos foi o de Melbourne, desde onde se berrou que a supervivencia non é negociábel.
Ademais, ao longo da xornada deste sábado hai previstas máis manifestacións en cidades como Bogotá, Nova York, Sao Paulo, Londres, México. En Francia, as autoridades impiden os protestos xustificándose na lei de emerxencia que rexe o país após os atentados do 13 de novembro.
Na reunión que comeza o 30 de novembro, discutirase a substitución do protocolo de Kioto por outro acordo que se aplicará a partir de 2020. A intención pasa por que os 195 países asinantes desenvolvan políticas encamiñadas á redución de emisións e que o aumento na temperatura global non supere os dous graos, aínda que os Estados máis expostos queren baixar o obxectivo a 1,5 graos centígrados.