Centenares de traballadores do metal saíron esta quinta feira á rúa en Vigo para exixir máis medidas de seguridade tras o falecemento esta pasada cuarta feira dun operario no Estaleiro San Enrique, a antiga Vulcano, no barrio de Teis. Unha vez máis, empregados do metal manifestáronse en solidariedade pola morte deste home, lamentando que este tipo de reivindicacións ultimamente é "máis habitual do que debería ser".
"Este ano levamos tres falecidos na provincia de Pontevedra, dous na Cañiza e un en Vigo. En novembro outro compañeiro tamén perdeu a vida", lembran fontes sindicais. En concreto, o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, criticou hoxe a "precariedade" do sector e a "falta de tomar en serio as medidas de seguridade".
Por iso, defendeu a importancia da Mesa do Naval, que xa foi constituída, onde os sindicatos pedirán un maior control de Inspección de Traballo desas medidas de protección. Tamén solicitarán, entre outras reclamacións, o fomento da figura de recursos preventivos, sendo un traballador o que trate de vixiar todo aquilo relacionado coa prevención dentro da empresa.
Ademais, puxo o foco na necesidade dunha maior coordinación en certos sectores, explicando que, por exemplo, no naval son moitas empresas as que operan como subcontratas e fan os traballos "correndo", provocando en ocasións tráxicos sucesos como o desta cuarta feira.
Mensaxe da patronal
Precisamente esta quinta feira, a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime), a patronal do sector, enviou as súas condolencias ás familias dos traballadores falecidos nas últimas semanas, lamentando as perdas humanas.
Nun comunicado, a entidade gabouse do labor realizado nos últimos anos no ámbito da seguridade. "Facemos un chamamento intenso á adopción das medidas de seguridade tanto por parte de empresas, como tamén dos traballadores, xa que este compromiso ten que ser sempre conxunto", subliñou.
Asime indicou que a industria naval está a facer "enormes esforzos" para evitar este tipo de accidentes, polo que insistiu en que non se debe focalizar esta sinistralidade no sector, "xa que, a pesar dos tráxicos incidentes vividos nas últimas semanas, este non é un sector cunha especial sinistralidade en comparación con outros".