Opinión

Funcionar

[Xoán Costa]

No mesmo día en que se procedeu ao escrutinio do voto CERA —derradeiro chanzo no proceso de reconto das eleicións do 18-F— fixéronse públicos unha serie de informes que, en resumo, lles deixo aquí:

1.— Unha de cada catro persoas na Galiza atópase en risco de pobreza ou exclusión social segundo o indicador europeo Arope (At Risk of Poverty and/or Exclusión) e segundo se desprende da Enquisa de Condicións de Vida publicada polo INE, con datos actualizados de 2023.

2.— Desde 2009, ano en que Feixoo chegou á Presidencia da Xunta, Galiza estivo sempre por debaixo da media de renda estatal. No último ano incrementouse a fenda en materia de ingresos entre residentes na Galiza e no Estado. Se en 2022 a diferenza na renda neta era de menos de 700 euros anuais no remate do pasado ano ascendeu a case 1.000. 

3.— As pensións medias na Galiza son das máis baixas do Estado, sendo as das mulleres, algo máis do 50% dun total que en xaneiro deste 2024 se sitúa en 0,78 millóns, un 33% máis baixas do que as dos homes. O salario medio anual das mulleres é moi inferior ao dos homes. 

Son datos que nos deberían levar a repensar o lema do PPdeG nas pasadas eleicións do 18-F, ese da Galiza que funciona. Funcionar significa que Galiza marcha ben (ollen os datos) ou que desempeña unha función que se lle encomenda? O dicionario RAG só dá esas dúas acepcións. Vostedes dirán.

Comentarios