Opinión

Galiza en negro

[Xoán Costa]

Moito se falou do pasado debate na CRTVG. E seguirase a falar, especialmente da posterior reacción de Rueda aferrándose á idea de todos estaren contra el. Como unha crianza pequena, caprichosa e mimada que imaxina que o resto non o deixa xogar, o candidato do PP deu mostras da súa inseguridade política ao afirmar con rotundidade que estaba seguro de que previamente houbera un pacto entre as outras forzas políticas participantes no debate para “pintar unha Galiza absolutamente negra, todo negativo, onde todo é malo, pero iso non é verdade”.

Estrañas declaracións que evidencian un candidato pouco competente e pouco convincente para exercer de presidente. Imaxinan que a un congreso sobre xenética un participante presenta unha investigación sobre as cantigas de Martin Codax? Estaría fóra de lugar e posibelmente non lle admitirían o relatorio. Pois este é o caso. Nunhas eleicións ao Parlamento da Galiza as forzas que se presenten poden ser o que queiran mais as políticas que se oferezan, nos debates e nos programas, deben axustarse ao motivo da convocatoria. E as do PP non o fan, céntranse noutras cousas. Repararon no seu cartaz eleitoral? Que ven?  Si, a palabra VOTA en grandes letras negras sobre fondo escuro. A Galiza en negro é a que debuxa o PP e na que desexa seguir, ou mellor, que sigamos. Eu, non quero. E ti?

Comentarios