Opinión

Ben informados

Contra a vertixe de entrar nun novo ano, formulamos bos desexos, que o serán ou non segundo para quen. Había unha canción que nos daba a tríade incuestionábel: saúde, diñeiro e amor. Porén, a nosa educación cristiá xa nos fixo asumir que ter as tres cousas é difícil, cando debería ser o básico e necesario. Pois ben, neste ano que comeza, mesmo neste inverno en que estamos, temos a oportunidade de  votar como queremos este ano e os seguintes.

Votar semella un acto sinxelo. Porén, talvez non o sexa tanto. Quero dicir, votar tendo plena conciencia da realidade, sen estar manipulado pola televisión ao servizo do partido que até febreiro goberna a Xunta. Ocultarán, recortarán, e presentarán as novas de maneira que beneficien o PP. Calquera día podemos facer a nosa propia comprobación: cando cortan as declaracións do ministro de Transportes xusto cando vai citar o BNG, ou cando nos presentan esas familias agradecidas por recibir o “bono coidados”, unha esmola para xustificar a falta de compromiso cun envellecemento digno e recuncar na súa política de que as mulleres viñemos ao mundo a coidar dos outros.

Hai xente que cre o que retransmite ese telexornal que se gaba de ser o programa de máxima audiencia entre galegas e galegos.

Por iso o meu desexo para este ano é que esteamos ben informados, que sigamos tendo medios de comunicación que nos mostren a realidade que pretenden ocultarnos, esa que apalpamos cada día cando tentamos ir ao médico, ou queremos desprazarnos, ou pagar as facturas, ou comprar comida, ou comprobar o saldo na conta. A realidade de que todos nos queixamos cada día, e que debemos ter presente cando vaiamos votar en mes e medio.

Daquela, desexo que Nós Diario siga incrementando a súa presenza nas casas e nos lugares públicos. Porque estar ben informados, pode cambiarnos o futuro e a vida.

Neste ano en que Luísa Villalta será a protagonista das letras, mudarmos a presidencia da Xunta vai ser a mellor maneira de honrar a súa memoria. Teño a certeza.

Comentarios