Opinión

E saltou a lingua

Lean o programa do BNG. Con esa frase pretendía o candidato do PP pechar a discusión sobre a lingua que Ana Pontón colocou no lugar que correspondía: o debate da TVG. Pontón lembroulle a Rueda aquela imaxe con Galicia Bilingüe en que ao candidato da dereita se lle vía na cara a comodidade e satisfacción que sentía ao se colocar detrás da pancarta contra o galego.

Lean o programa do BNG, dixo, despois de tentar calar a Ana Pontón co simplista argumento de que o BNG quere implantar o monolingüísmo en galego. Outra vez tentando sacar o manido e tramposo argumento da imposición. Non se lembra o señor Rueda dos miles de galegos que encheron a praza do Obradoiro contra a súa imposición do trilingüismo para reducir a presenza do galego nas escolas. Unha das poucas veces que o Obradoiro se encheu de galegas e galegos en loita. Contra a catástrofe do Prestige. Contra a xestión dos pellets. Contra os recortes na sanidade. Dúas veces en menos de dous anos, grazas a el.

Lean o programa do BNG, dixo sen pensar ben o que dicía. E si, lemos. Lemos e vemos que o que el reduce a unha palabra coma se fose un insulto, ocupa varias páxinas. No do PP non podo dicilo. Por máis que tentei consultalo non dei con el. Nin na web do PP, nin nos medios que del falaron. Só puiden ver unha imaxe en que o candidato mostra o tal programa e o resumo que facía o xornal que consultei. Non se mencionaba a lingua. Mágoa!

Ana Pontón díxolle a Rueda que seguía detrás da pancarta contra o galego e el, ao día seguinte do debate, fixo do español a súa lingua de campaña electoral. Estaba en Galiza si, nun almorzo con representantes da sociedade ferrolá, primeiro, e nun encontro con clubs deportivos na Coruña, despois. Consultaría o mapa do IGE de 2018? Ou aínda non lle aclararon que o español non é unha lingua propia de Galiza?

Pois si, lede o programa do BNG, que o do PP está ben agochado. Aínda que para a lingua xa sabemos cal é a súa receita, máis inglés e menos galego. Resultado?, puro español.

Comentarios