Opinión

Marche

Aquel clásico de asfaltar os camiños e pór o alumeado cando chegaba a campaña electoral está en pleno apoxeo. Actualizado e modernizado. Estoutra tarde, mentres camiñaba coa miña nai, a empregada da residencia saíu para me dar unha carta da Xunta. "Querida familia", comeza, “O Goberno galego é consciente de que detrás dunha solicitude de atención á dependencia atópanse sempre persoas, familias, que precisan apoio, bla, bla, bla". Era o anuncio do Bono Coidado en Residencia, un complemento universal e lineal de 1.200 euros. O 60% dunha mensualidade. Descoñezo os criterios de cálculo. Mais da praza pública solicitada, nin palabra.

Coméntoo con P., que tamén pasea coa súa nai e me conta que levan meses agardando a que lles paguen as libranzas laboriosamente solicitadas. Curioso.
Curioso que, xusto agora, tire de bono universal o mesmo PP que desde o Goberno se nega á gratuidade universal do ensino, ou asina acordos laborais sen subas salariais lineais. Curioso como que a carta teña data de 23 de novembro e chegue agora que estamos en campaña, calquera diría que a tiveron retida para enviala no momento que máis os favorecese. Curioso como que veña asinada polo propio Rueda e o departamento de Presidencia. Desde logo o candidato leva uns meses que non dá feito a saír en fotos, vídeos, redes sociais..., ocupar minutos na TVG (escandalosa a práctica reprodución do vídeo "familiar" no Telexornal do mediodía).

Mais esta dádiva non me vai facer esquecer que levo meses sen médica de familia, porque non foi substituída mentres goza do permiso de maternidade. Nin que cada vez que solicito cita médica é para dentro de 15 días ou máis. Que non me queda outra que ir a urxencias e, canda outros, saturar un servizo que sofre as consecuencias do desmantelamento dos centros de saúde, con profesionais saturados, que é a mellor maneira de cometer un erro co que non cargará o político que o provocou, senón o traballador que non dá feito máis. Non me mande cartas señor Rueda. Marche.

Comentarios