Opinión

Reflexión

Acción ou resultado de reflexionar, segundo o dicionario.

Eu reflexiono. Analizo as últimas semanas. Nelas recibín dúas cartas da Xunta, unha para me informar de que miña nai ía recibir unha paga universal por ser unha persoa dependente, a última, que ten concedida unha praza pública. Mais, con ocasión de vacante. Pregunto cando poderá haber esa vacante. Nin se sabe. Daquela reflexiono sobre o feito de que unha institución me comunique un dereito que non podo exercer porque a mesma institución non crea un número suficiente de prazas para atender as necesidades reais de hoxe. E penso que este caso e outros forman parte do iceberg da dependencia oculto baixo a propaganda.

Meses atrás enfermei. Tiven que acudir a urxencias. As citas para o médico de familia demóranse máis de quince días no centro de saúde do meu concello. Se tes médico, porque eu non tiña. A profesional que me corresponde estaba de permiso de maternidade e non foi substituída en ningún momento. Así que ou curas, ou morres antes de que te atendan. Ou colapsas urxencias. E saín sen un diagnóstico concluínte. Implorei por teléfono para que me desen unha baixa que ao final se prolongou cinco semanas.

Así que xa non cheguei á segunda xornada de folga á que, como docente, fun convocada despois dese acordo fraudulento con Educación, grazas ao cal vou seguir tendo as mesmas ratios de alumnado até dentro de nove anos como mínimo, non vou recuperar o meu horario de traballo, o que tiven até que Feijóo chegou á Presidencia da Xunta en 2009, nin vexo reducidas as tarefas burocráticas que, ben ao contrario, seguen a se incrementar.

Por non falar da frustración de comprobar como a nosa lingua propia, esa que tento aprenderlle ao meu alumnado, esmorece ás alancadas nas súas bocas. Esta é a miña persoal reflexión. E a ti? Que che devolve o espello?

Volvo ao dicionario. Reflexión tamén significa: "Cambio de dirección que experimenta unha onda sonora, luminosa etc., ao chocar contra unha superficie reflectora".

Comentarios