Opinión

Grândola, Vila Morena

Festexemos os 50 anos do 25 de abril de 1974, a Revolución dos Cravos, cos irmáns portugueses. Foi a festa da liberdade frente a un réxime caduco e colonialista: o de Oliveira Salazar. Foi a revolución pacífica? Despois de moitas penalidades. Os capitáns dun exército colonialista rebélanse contra o poder ditatorial. A utopía feita realidade. O símbolo, un fusil que porta un cravo. Detrás, o pobo armado na defensa da liberdade.

Para nós, galegos e galegas, unha esperanza e solidariedade, da que tivemos probas moi significativas pouco mais tarde, nun tempo moi difícil. As relacións do nacionalismo galego coa esquerda portuguesa, digamos Partido Comunista Portugués (PCP), Movemento Democrático Portugués (MDP), Liga de Unidade e Acção Revolucionária (LUAR) foron de camaradería e colaboración. As nosas compañeiras e compañeiros exiliados, despois do asasinato de Moncho Reboiras, foron acollidos e protexidos. Un nome para pedir axuda caso de non ser ben recibidos na fronteira era o do capitán A. Rosa Coutinho, da Junta de Salvación Nacional, outro, o de Otelo Saraiva de Carvalho. Entre outros foron os nosos apoios.

Exiliados en Portugal estiveron: Carmen Graña, Ramón Muñiz, Elvira Souto, Margarita Ledo, Xosè Moa, Xosé María García Crego, Elsa Costas, Xoán Carlos Martínez, Fernando Souto e Concha Fernández.

Os movementos antidemocráticos esténdense en Europa e na Península Ibérica. Vox co-goberna en varias comunidades co PP. Non ten forza na chamada periferia, porque os movementos nacionalistas democráticos impiden o paso da ultradereita, ou ben, como sucede na Galiza, onde o nacionalismo crece probado nas últimas eleccións, existe un PP tan dereitoso que non hai demanda mais alá del.

A liberdade foi unha conquista que os portugueses tocaron o 25 de abril do 74 e non é a liberdade de "tomar copas ás 12 da noite", senón a liberdade de expresión, de organización, de elección persoal e colectiva. Esa conquista que todo movemento de liberación nacional aspira a lograr. Tal como Xosé Afonso canta "Grândola, Vila Morena/ Terra da fraternidade/ O povo é quem mais ordena/ Dentro de ti, ó cidade!".

Festexemos o 25 de abril para non esquecer o triunfo dunha utopía solidaria.

Referente para todos nós.

Comentarios