O cinema galego presente durante esta fin de semana en Suíza

A cidade suíza de Delémont acolle desde esta cuarta feira o festival Autres Horizons, no cal se proxectarán oito filmes galegos
EuropaPress_2524922_fwd_jueves_31_1930_presentacion_coloquio_proyeccion_arde_presencia_director
photo_camera Fotograma do filme 'O que arde'. (Foto: Europa Press)

Desde está cuarta feira até o domingo 21, na cidade suíza de Delémont terá lugar o festival Autres Horizons, organizado pola asociación Galiza Celta Delémont en colaboración con La Grange Cinéma. Un festival que segundo afirma, para Nós Diario, Xosé Abelenda, membro da asociación Galiza Celta Delémonst, ten como obxectivo “transmitir e promocionar aos suízos a cultura galega e o noso idioma” e no que pensan que haberá un gran número de asistencia, posto que até teñen “confirmada a asistencia de emigrantes galegos dos Países Cataláns”.

O filme Un Franco, 14 pesetas foi o encargado de abrir na tarde de hoxe o festival, que mostar as vivencias de dous emigrantes recen chegados a Suíza e no que a actriz galega, Isabel Blanco, ten un papel moi importante. Ela mesma estará presente no festival durante toda a fin de semana, realizando unha conferencia o domingo ás 11:00h no Musée Jurassien d´Art et d´Historie, na cal falará sobre o seu documental Pasaporte Galego.

A Lingua das bolboretas, Matria, O que arde, Arrainos, As Bestas ou Rompente son algúns dos filmes que se proxectarán, xunto con outros internacionais. Algúns deles, como é o caso da película As Bestas, contarán con dúas sesións, o venres ás 20:45 e o sábado ás 18:00.

Ademais da programación cinemática, durante a tarde de sábado, de 17:00 a 22:30 no Centre Réformé, terán lugar actuacións de música tradicional galega, a cargo dos grupos Galiza Celta Delémont, A Roda e Irmandade Galega na Suíza. Así mesmo, a literatura galega terá o seu recuncho neste festival, ao realizarse o domingo, ás 14:00h, a presentación do libro Ao sur da liberdade de Xosé Henrique Costas, que nesta ocasión axudará a levar a historia do Reino da Galiza até Suíza. Tamén, Xosé Antonio Andrade presentará a súa obra Reválida de Sexto. Segundo conta para Nós Diario Costas este proxecto fai que estea “moi satisfeito ao ver que Galiza está moi viva en Suíza”, así mesmo considera que este encontro coa emigración galega lle fixo reflexionar que “nós témolos moi esquecidos, pero eles a nós non”.

O fin do festival coincide co peche da exposición Taxi Compostelle, a cal leva exposta dende o 23 de setembro de 2023 no Musée Jurassien d´Art et d´Historie. Nela, a través dos textos de Antonio Rodríguez, as fotos de Pierre Montavan e os filmes de Aubin Hellot, pretendese facer unha homenaxe a todas as emigrantes galegas en Suíza.

Abelenda considera que este festival mostra a perfección que “en Suíza hai unha gran comunidade de emigrantes galegos”,  os cales tal é como el mesmo di “poucas veces temos acceso aquí a nosa cultura”, polo que o Autres Horizons axúdalles a estar máis preto da Galiza.

Comentarios