Presidente do Club Béisbol Cambre

Enrique Expósito: "A comunidade caribeña é o sostén do béisbol na Galiza"

O béisbol, deporte nacional dos Estados Unidos de América até a emerxencia do fútbol americano e o baloncesto, como demostran infinidades de películas e series, está lonxe de ser un deporte 'mainstream' na Galiza, pero Enrique Expósito (A Coruña, 1970) e o Club Béisbol Cambre manteñen viva a súa chama no país.
"O béisbol potencia a persoa que o practica", afirma Expósito. (Foto: Nós Diario).
photo_camera "O béisbol potencia a persoa que o practica", afirma Expósito. (Foto: Nós Diario)

—Como e cando foi a súa primeira toma de contacto co deporte do béisbol?
Eu sempre practiquei moitos deportes e, a través dun amigo que me ofreceu a oportunidade de probar o béisbol, animeime e quedei encantado. Pero o meu caso non é moi habitual, o normal é iniciarse no deporte a unha idade moito máis nova. Logo, como presidente levo desde decembro de 2019, pero este ano deixarei de selo porque sempre é bo deixar paso a xente con ideas novas e forzas renovadas. 

—A Coruña e a súa contorna, entre a que por suposto inclúo Cambre, ofrece unha ampla gama de opcións deportivas ao dispor tanto de adultos como de crianzas. Que o levou a vostede a namorarse do béisbol e non doutras desas disciplinas que coñecera previamente?
A miña primeira motivación foi a curiosidade, coñecer mellor un deporte do que apenas sabía nada, e a partir dese momento quedei enganchado por completo, pasou a ser o "meu" deporte.

—Non obstante, e a pesar de que si fixo "clic" con vostede, segundo os últimos datos previos ao inicio da pandemia da Covid, no ano 2019, na Galiza tan só se emitiron 232 licenzas de béisbol e sófbol, unha cifra moi pequena en comparación con outros moitos deportes máis coñecidos. Que labor realizan desde a institución que dirixe para tratar de ampliar esa base de participantes, especialmente entre os e as máis pequenas, que quizais só escoitaran falar de 'carreiras' e 'home runs' nas películas americanas?
Inicialmente, hai xa moitos anos, na Galiza chegamos a ter ligas de até 18 equipos, case todos integrados por un sostén de xente retornada do Caribe, cubanos, venezolanos ou dominicanos, porque alí xógase moitísimo ao béisbol. Que sucede a día de hoxe? Nós xa somos un club asentado, levamos moito tempo traballando a canteira, e moitos dos rapaces e rapazas que a integran son fillos e fillas desas persoas que chegaron do Caribe e que queren que as súas crianzas coñezan ese deporte. Pero tamén temos xente con pais galegos que simplemente queren que se familiaricen con deportes novos. O club fai moita promoción en centros escolares tanto da Coruña como de Cambre, a través da cal sempre se unen caras novas.

—Que valores destacaría que achega o béisbol a esas crianzas, alén incluso do eido estritamente deportivo?
O béisbol é un deporte que ten dúas facetas de xogo moi diferenciadas. Unha parte de bateo, moi individual, na que se traballa a confianza, a concentración e a seguridade nun mesmo. E logo hai unha parte de defensa, onde hai que recoller os batazos, que é totalmente colectiva, de equipo, que esixe unha perfecta coordinación entre todos os xogadores e que se coñezan e confíen os uns nos outros. Por iso eu sempre digo que o béisbol potencia a persoa que o practica tanto no plano individual como no de equipo.

—Con todo, o béisbol non é o protagonista absoluto da actividade do club, porque tamén practican o sóftbol. Cales son as diferencias entre unha e outra cara desa moeda?
En categorías inferiores tanto nenos como nenos practican béisbol ou sófbol, pois o béisbol e mixto até a categoría sénior. Que diferencias hai? O campo de béisbol é maís grande que o de sóftbol; coa distancia entre bases pasa o mesmo; e os materiais, como pelotas ou bates, tamén son distintos, máis pequenos. Logo no xogo, o pitcher, o que lanza, en béisbol faino por enriba do ombreiro, mentres que en sóftbol faino por debaixo da cadeira. Pero os dous son deportes moi divertidos que enganchan enseguida á xente, especialmente aos rapaces.

Unha historia que se remonta a 1990

O Club Béisbol e Sófbol Cambre é o resultado da redenominación en 2001 do antigo Béisbol A Coruña, que á súa vez foi froito da fusión, en 1994, do Marineros co Águilas del Atlántico, creado orixinariamente en 1990. Moitas cousas cambiaron desde aquel entón nunha escena que chegou a contar con dúas divisións na década dos 90.

"Logo, a principios dos 2000 produciuse un baixón, e agora non existen tantos equipos, pero estamos máis organizados, con moita mellor estrutura da que había antes, porque nos preocupamos da formación dos nosos adestradores, de que teñan titulación... así que pode que sexa unha liga máis pequena, pero ten máis nivel que a de antes", pon de manifesto Expósito, quen destaca que un ano máis, neste 2023, a sección feminina sénior de sófbol "volverá pelexar na División de Honra, a máxima categoría estatal".

Comentarios