Unha delegación galega estará presente nas eleccións turcas que decorren esta fin de semana (domingo 1 de novembro). Os comicios lexislativos foron adiantados polo presidente, Recep Tayyip Erdogan, como unha "necesidade",alegou, perante a situación política que atinxe o país.
E é que por vez primeira desde o 2002 o partido gobernamental AKP, malia obter a maioría dos escanos nos comicios, fracasaba no intento por formar goberno. No novo Parlamento prevese que o HDP, unha formación política impulsada por forzas da esquerda pro-curda, volte a se tornar na grande triunfadora da xornada. Hai apenas 4 meses, nas eleccións de xuño, obtiña 78 escanos e o 12,5% dos sufraxios converténdose na cuarta forza parlamentar.
Porén, as eleccións non fican exentas de sospeitas, razón pola cal foron convidadas diversas organizacións e colectivos internacionais a modo de observadores da xornada.
As eleccións foron adiantadas após o partido gobernamental, AKP, non poder formar goberno
Eis o caso do colectivo de solidariedade internacionalista Mar de Lumes que acudirá -xunto con representantes doutras nacións sen estado como Euskal Herria e Catalunya- a Turquía sob convite do HDP.
A situación que atinxe o pobo curdo baixo administración turca caracterízase pola "persecución gobernamental" e a "criminalización" das súas organizacións e militantes, sinala en conversa con Sermos Galiza, Ximena González, a persoa que representará Mar de Lumes durante os comicios. O "atentado" acontecido en Ankara contra unha "marcha pola paz" dá boa conta diso. Unha realidade que se agravou coa irrupción do HDP no Parlamento.
O proxecto curdo
Desde o HDP amósanse "con moito optimismo" perante os vindeiros comicios. Porén, sinala González, "agardan manobras" que poidan "pervertir" ou "falsear" os resultados electorais. "Mesmo impedimentos para que algunhas persoas poidan exercer o seu dereito a voto", acrecenta. O obxectivo das persoas que actuarán como observadoras é, neste senso, garantir unha "denuncia internacional" de se produciren.
"En Turquía estase a atacar fortemente a loita polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres"
Ximena González coñece a realidade do pobo curdo e especialmente a das mulleres. Partillou espazos con elas através da Caravana feminista organizada pola Marcha Mundial das Mulleres. Ao contrario do que se tende a crer, sinala, "en Turquía estase a atacar fortemente a loita polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, mesmo coa cadea".
Perante isto, subliña, "o proxecto curdo é emancipador tamén para elas". Entre outras cuestións, afirma, a presenza "política" e "pública" das mulleres garántese con "portavocías partilladas". Aliás, González salienta o papel que están a xogar as milicias curdas na loita contra o ISIS (Estado Islámico).
O seu obxectivo é, para alén de actuar como observadora, "continuar a tecer redes de solidariedade" que unan Galiza co Curdistán.