'30 castelos para descubrir un reino'

Os segredos que agocha o Castelo de Soutomaior

O castelo de Soutomaior aséntase sobre un promontorio rochoso no val do Verdugo e do Oitavén e a seis quilómetros da Ría de Vigo. A súa proximidade á ponte medieval de Comboa que cruza o Verdugo en Romariz incrementa o valor estratéxico da fortaleza ao permitir gardar o paso ao interior do territorio e as comunicacións sur-norte na Depresión Meridiana.
Vista aérea do castelo de Soutomaior. (Foto: Biblioteca da Deputación de Pontevedra)
photo_camera Vista aérea do castelo de Soutomaior. (Foto: Biblioteca da Deputación de Pontevedra)

Os Sorreda ou Sorredea estaban ligados ao val do Verdugo figurando como tenentes do vello castelo de San Paio de Lodo, preto de Ponte Sampaio. Toman así desde a súa orixe un carácter fronteirizo non por casualidade, xa que os ríos Verdugo e Oitavén marcaban o límite entre a dioceses de Tui e Santiago, no século XII un territorio de tensión fronteiriza coa proximidade do novo reino portugués.

A participación de Mens Paes Sorredea na conquista de Almería no ano 1147 había ser a ligazón para formar o señorío de Soutomaior e polo tanto a mesma orixe do castelo. Deste tempo será a doazón do couto por Afonso VII que dá nome á familia.

Paio Mendes de Soutomaior é o primeiro en empregar o apelido toponímico reflectindo así a importancia dese señorío. O castelo non sería nestes tempos máis que un fito dese poder, as operacións dos Soutomaior van estar noutros territorios ben acompañando os monarcas galegos Fernando II e Afonso VIII nas súas campañas no sur ou ben servindo en oficios da corte de Sancho IV, no que os Soutomaior terán bastante relevancia con cargos como o de almirante de Álvaro Peres ou o de notario maior por Xoán Fernandes, bispo de Tui.

Malia esta presenza na corte, a consolidación territorial dos Soutomaior producirase no século XIV cando apoien o bando gañador nas loitas políticas en Galicia. Así Pedro Álvares, o primeiro do seu patronímico, axudaría ao arcebispo Berenguel de Landoira en 1320, o que lle permite non só contar con influencia en Compostela senón abrir o espazo territorial e político de Pontevedra e do Morrazo.

A guerra entre pretendentes á coroa de Castela, Pedro I e Henrique de Trastámara, faría que os Soutomaior aposten de novo polo bando gañador, probablemente nunha política familiar marcada pola figura central doutro bispo de Tui, Xoán Fernandes de Soutomaior II (1351-1385), máximo beneficiado da xenerosidade de Henrique II. O señor de Soutomaior, Álvaro Paes, tiña mudado a casula de deán de Tui pola armadura guerreira como herdeiro que ficaba da casa señorial. A súa participación na defensa dos intereses casteláns na fronteira do Miño, sobre todo en Tui e en Melgaço en 1388 xunto co seu irmán Paio Sorredea, permitiralle reforzar o poder da casa e do castelo e obter o título de almirante en 1391.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios