O nacionalista Manuel Lourenzo é o novo alcalde de Soutomaior

Durante o seu discurso, o novo alcalde dirixiuse a toda a veciñanza e asegurou que “non vos imos fallar, e imos dar o mellor de nós mesmos para devolvervos tanta ilusión e tanta esperanza como nos destes”.
Manuel Lourenzo, no centro, co bastón de mando de Soutomaior (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manuel Lourenzo, no centro, co bastón de mando de Soutomaior (Foto: David Alxán).

Este sábado tivo lugar na Casa do Concello de Soutomaior o pleno de investidura no cal o portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manuel Lourenzo, converteuse no primeiro alcalde da formación nacionalista da historia de Soutomaior, logo da histórica vitoria do BNG nas eleccións municipais do pasado 28 de maio.

Lourenzo, conseguiu obter a maioría dos votos no pleno, logrando así a Alcaldía. Durante o seu discurso, o novo alcalde dirixiuse a toda a veciñanza e asegurou que “non vos imos fallar, e imos dar o mellor de nós mesmos para devolvervos tanta ilusión e tanta esperanza como nos destes”.

Tamén se dirixiu a aqueles veciños e veciñas que non votaron polo BNG: “nós vimos aquí para ser o goberno de todo Soutomaior, independentemente de como pense cada un, en min van atopar unha persoa que non lle vai ver nin o voto, nin as ideas, nin as discrepancias a ninguén”.

Neste sentido, Lourenzo subliñou que “nós dixemos sempre que traballamos por un Soutomaior novo. E eu sei, que o Soutomaior co que soñamos ten que ser un Soutomaior de todos e de todas. Ten que ser un Soutomaior plural, ten que ser un Soutomaior diverso, e sobre todo ten que ser un Soutomaior libre”.

"Pensar Soutomaior en grande"

Durante a intervención, o alcalde de Soutomaior chamou a ser “un goberno que fuxa da cativez e do  curtopracismo, de pensar só a 4 anos vista. Debemos ir máis alá, pensar Soutomaior en grande, e ter sempre presente, que isto só vai valer a pena, se conseguimos construír entre todas o concello que merecen as nosas fillas e fillos”.

Lourenzo tamén tivo palabras de recoñecemento para Silvia Cernadas, candidata do PSOE, e para Agustín Regueira. Finalmente, quixo ter un recordo con Fernando Pereira, o primeiro alcalde de Soutomaior tras a ditadura, e para Lois Obelleiro, figura histórica do BNG: “Porque dalgún modo en todos nós está sempre presente esa luz, e tanto amor por este concello pola nosa lingua, pola nosa nación. Alá onde esteades, eu sei que hoxe teredes o máis grande dos sorrisos, e só iso xa fai que todo isto valera a pena. Vai por vós compañeiros!”.

Comentarios