O Goberno municipal de Ribeira (O Barbanza) chegou a un acordo coa aseguradora do Toconao —o buque que o pasado 8 de decembro perdeu un contedor de pellets cando navegaba fronte á costa de Viana do Castelo (noroeste de Portugal) e que orixinou a marea plástica na costa galega— mediante o cal esta empresa asume a limpeza das praias, contratando para eses traballos persoal do propio Concello barbanzán. Arredor de 50 efectivos é o número que vai integrar este operativo.
Este municipio súmase así a Muros (na comarca homónima), o primeiro concello que logrou que a aseguradora correse co operativo de limpeza nas súas praias e areais. O dispositivo, que comezou a efectivizarse en Muros o pasado 9 de xaneiro , arrancou con 18 traballadores para, poucos días despois, ampliarse a 50. Este persoal de empregados da armadora traballan a quendas de oito horas diarias, con dous días libres á semana, alternando catro xornadas nas praias e logo un par de descanso. O contrato é até fin de obra e o soldo está estipulado segundo convenio.
Así pois, os dous concellos galegos que lograron un acordo coa aseguradora mobilizan un total de 100 efectivos contratados para combater a marea de bólas plásticas nos seus territorios. O dispositivo da Xunta para toda a Galiza, porén, consta de 469 efectivos —deles, medio cento son persoal formador—.
30 municipios
Ribeira e Muros, logo, teñen operativo un dispositivo contra os pellets que equivale a 21% do que o Goberno galego ten para o conxunto do país. Con estes 469 efectivos, o Executivo que preside Alfonso Rueda debe de acometer os traballos de retirada de bólas de plástico nas 69 praias nas que a Xunta apuntaba que esta terza feira había presenza destes microplásticos —menos de 6 efectivos por areal—.
A alcaldesa de Muros, a nacionalista María Lago, expresou a Nós Diario a súa estrañeza "polo feito de que este acordo de recollida de pellets non se estenda a máis concellos". Apunta á responsabilidade da Xunta da Galiza, que é, indica, a que debería "centralizar e levar este tema". "Tal e como nós estamos en contacto coa aseguradora, poderían estar eles [polo Goberno galego]", asegura a rexedora.
Lago explica, ademais, que desde outros concellos da Galiza estanse a pór en contacto co de Muros para coñecer como poden chegar a un acordo coa aseguradora ao igual que fixo este municipio e agora tamén Ribeira, onde goberna o tamén nacionalista Luís Pérez Barral. "Isto tamén debería de estar a facelo a Xunta", considera a rexedora a respecto dese papel de información e explicación.
Nós Diario púxose en contacto coa Consellaría de Medio Ambiente para coñecer se este departamento tiña aberta algunha liña de contacto coa aseguradora e se valoraba estabelecer a nivel da Galiza un acordo similar ao que Muros e Ribeira teñen a nivel municipal. Ao feche desta edición non se recibira resposta por parte da Xunta. O 4 de xaneiro, o Executivo galego remitiu unha carta a varios concellos afectados no seu litoral pola presenza dos pellets na que emprazaba os municipios afectados a achegar datos para poder reclamar a factura dos gastos de limpeza á armadora.
Ese documento, denominado Informe de actuacións de prevención, evitación e/ou reparación, solicitan os datos persoais de quen reclama os custos, o lugar contaminado, planos en detalle, descrición da substancia, medios humanos empregados, facturas e xustificación de gastos e até unha reportaxe fotográfica. Ese informe debía ser remitido por parte dos concellos á Consellaría do Mar, que sería a encargada de remitila á súa vez á armadora do buque. Criticaban concellos como Ribeira que a Xunta se limite a exercer de "xestoría", sen maior compromiso.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente da Xunta da Galiza, Ángeles Vázquez, defende nestes días como "adecuado" o dispositivo despregado en terra polo Goberno galego para afrontar a presenza dos microplásticos. A portavoz do Executivo nesta emerxencia mantén que os pellets afectan "unha pequena parte das nosas praias" e esta fin de semana volveu desbotar que se precisen medios en terra da Administración estatal.
Mentres, concellos como de Lugo colaboran en programas de limpeza dos pellets a través dunha xornada de voluntariado coa asociación ecoloxista Adega en Foz (A Mariña).
Galiza pide axuda a Euskadi para analizar os pellets
A conselleira vasca de Medio Ambiente, Arantxa Tapia, informou esta terza feira de que a Galiza pediu "colaboración" a Euskadi para analizar a toxicidade dos pellets. O obxectivo desa petición aos centros tecnolóxicos Azti e Geiker é "coñecer o nivel de toxicidade dos pellets; realizar unha análise exhaustiva do mesmo; e coñecer a modelización que se realizou en función de mareas e de ventos para ver onde pode chegar os plásticos que neste momento poden estar no mar", afirmou Tapia. "Desde logo, ofrecemos toda a nosa colaboración", afirmou Tapia. A petición feita pola Xunta chega após encargar varios informes a centros privados e públicos galegos sobre a composición das bólas.
Crean o comité experto 33 días após chegar as bólas plásticas
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, informou esta terza feira da constitución do comité de persoas expertas que avaliará o impacto dos plásticos a medio e longo prazo nas costas galegas. O comité chega 33 días despois de que se detectaran en Corrubedo (Ribeira) as primeiras bólas de plástico e dúas semanas após a activación do plan contra a contaminación mariña. Segundo detallou Vázquez, as funcións do comité estabeleceranse en tres ámbitos: elaborar un programa de seguimento para os efectos da contaminación a curto, medio e longo prazo; analizar a ecotoxicidade dos plásticos nos ecosistemas mariños; e redactar unha regulación para previr verteduras de plástico.
Ademais, avanzou que antes de acabar a semana realizarase a primeira reunión do comité, con membros de distintos ámbitos: das universidades públicas galegas, do Oceanográfico de Vigo, do Centro Tecnolóxico do Mar e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño. Tamén convidaron a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) e mais a Federación Ecoloxista Galega, así como o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).