CONTRA AS POLÍTICAS DO PP

Mobilizacións masivas en defensa da sanidade e educación públicas

Galiza acolleu nove manifestacións contra os recortes a escasas horas dun Primeiro de Maio máis combativo do que nunca
Manifestación en Compostela
photo_camera Manifestación en Compostela

Milleiros de persoas participaron nas nove manifestacións convocadas por CCOO e UGT na Galiza en defensa da sanidade e educación pública e contra os recortes que nestes servizos están levar a cabo os gobernos galego e español. Na Coruña e Vigo tiveron lugar as mobilizacións máis numerosas, que volveron amosar o rexeite da caidadanía ás políticas do Partido Popular. Esta xornada de manifestacións, convocadas polos sindicatos maioritarios españois, celébrase ás portas dun Primeiro de Maio no que a CIG xa fixo un chamamento á rebelión fronte a un modelo económico e político que conleva o empobrecemento de cada día máis persoas, así como a destrución de emprego e a perda de dereitos laborais e sociais.

 Desde a CIG fíxose recentemente unha chamada aos sindicatos españois para preparar unha nova folga xeral a celebrar en xuño, ao consideraren que existen cada vez máis condicións obxectivas que xustifican a mobilización dos traballadores e traballadoras, así como da cidadanía en xeral, para frearen a estratexia da dereita española da destrución sistemática dos servizos públicos e de emprego. A proposta foi rexeitada nun primeiro momento por voceiros de CCOO e UGT, malia que nas manifestacións que nestas horas percorreron Galiza convocadas por estes sindicatos a reclamación dunha nova folga xeral era salientábel en boa parte das súas bases.

Comentarios