Máis

A historia da Ponte Maceira

Pasado e presente únense na antiga estrutura.
Ponte Maceira
photo_camera A Ponte Maceira salva o río Tambre e conecta os concellos de Ames e Negreira.

A civilización romana foi o berce da enxeñaría civil. Durante séculos, Roma impulsou a construción de infraestruturas co obxectivo de mellorar as comunicacións entre territorios e deste modo poder aumentar a capacidade do seu comercio. O seu legado é inconmensurábel.

Son moitas as pegadas que se conservan aínda hoxe na Galiza. Un exemplo é a Ponte Maceira,  de orixe latina. Esta estrutura foi remodelada durante a Baixa Idade Media, entre os séculos XIII e XIV, a petición dunha orde relixiosa. No século XVIII volveu ser reformada.

A ponte conecta a parroquia de Portor, en Negreira, e Agrón, en Ames (A Barcala) mediante a calzada que discorre pola parte superior e que permite salvar o río Tambre.

A estrutura presenta cinco vans de diferentes dimensións. O espazo central ten forma de arco apuntado, mentres que os outros catro conforman arcos de medio punto. Entre os vans poden observarse unha serie de contrafortes que contribúen a alixeirar a carga estrutural que soportan os piares da ponte.

O conxunto arquitectónico constitúe unha estrutura pétrea singular que amosa unha clara  influencia da arte románica.

O estado de conservación da ponte é deficiente. O goberno local de Negreira denuncia desde hai anos a existencia dunha fisura no arco central do viaduto ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Ademais, o Concello tamén promove, desde 2017, declarar a ponte como Ben de Interese Cultural (BIC).

A lonxevidade da ponte é un factor relevante que lle confire unha maior entidade histórica. A memoria popular permitiu conservar algúns dos episodios máis memorábeis que viviu ese escenario; como a batalla entre as tropas do primeiro arcebispo de Compostela, Diego Xelmírez, e as hostes de Pedro Froilaz de Traba e os seus fillos Fernando e Bermudo, que tivo lugar a comezos do século XII. Tamén houbo outra batalla en tempos do bispo Fonseca II. 

Cómpre destacar que a Ponte Maceira é uns dos elementos históricos e arquitectónicos máis representativos da ruta xacobea que une Compostela con Fisterra e Muxía.

Comentarios