Ledicia Costas: "O deseño dunha obra literaria ten moito de incerteza. Cada libro é un salto ao baleiro"

Ledicia Costas segue colleitando éxitos na literatura para adultos e tamén na infantil e xuvenil. Atende a Nós Diario despois de presentar nunha escola a obra A Señorita Bubble e continúa de xira con Golpes de Luz, ambas editadas por Edicións Xerais. Na conversa defende sen ambaxes a súa traxectoria e o esforzo como único camiño para chegar a compracer o público.
Ledicia Costas (Vigo, 1979) é unha das escritoras máis traducidas e recoñecidas da literatura galega actual (Foto:Nós Diario).
photo_camera Ledicia Costas (Vigo, 1979) é unha das escritoras máis traducidas e recoñecidas da literatura galega actual (Foto:Nós Diario).

Despois de Infamia volta con Golpes de Luz, outra novela ben acollida por crítica e público. Cal é o seu segredo? 

Non coñezo a fórmula. Cada libro, cada escrita, cada proceso literario é un salto ao baleiro e non sabes o que vai a suceder. O deseño dunha obra literaria ten moito de incerteza. Eu non imaxinaba o que sucedeu con Infamia, como tampouco imaxinei o que está pasando con Golpes de Luz. O que pensaba eu constantemente era que estaba escribindo un libro que non tiña nada que ver coa novela anterior e non sabía o que pasaría. É certo que lle dedico moitas horas, esforzo e traballo, entreguei a miña vida á literatura. Non coñezo outra fórmula. 

Ten algo que ver, tamén ​en Golpes de Luz, ese misterio sen resolver que deita nas páxinas?

Son moi instintiva. Como lectora, gústanme esas historias que non es quen de deixalas, motivan a que sigas lendo. Queres avanzar cara o final e logo dosificas para non saír desa historia. Por ese motivo eu sempre escribo as novelas baixo esa premisa. Quero que os meus libros tamén sexan así.

Son moi instintiva. Como lectora, gústanme esas historias que non es quen de deixalas, motivan a que sigas lendo

Como construíu o relato desta última obra póndose na pel de tres xeracións diferentes? 

Son voces, a nivel xeracional, moi afastadas unhas das outras. Foi moi complexo construír ese triángulo de voces. Sobre todo a de Luz, que eu quería, por riba de todas as cousas, que soase auténtica, de verdade. Tiven que facer un profundo labor de escoita na miña propia avoa. A dunha muller maior, de ao redor dos 80 anos, que comparte barrio. Eu sabía que unha novela así, escrita a tres voces, tecnicamente era un reto máis complexo que facelo desde un só punto de vista. 

Tamén sabía que se esas voces fracasaban, tamén fracasaría a novela. Por iso, o reto máis grande dese libro foi a construción desas voces. Non teñen nada que ver a voz de Sebas, que identificas inmediatamente, coa voz de Luz ou Xulia, con outros rexistros. Foi o traballo máis grande deste libro: conseguir que esas voces fosen autónomas. 

Vén de anos de éxitos na literatura infantil e xuvenil. Non está un pouco farta de que en certos sectores se menosprecen algunhas obras pola idade que ten o seu público?

A xente está chea de prexuízos nese sentido. Mesmo os propios compañeiros e compañeiras de profesión. Hai quen di que no ten tanto valor, que pode escribir calquera. Faime moita graza cando autores que se cren algo e tentan escribir unha obra infantil teñen grandes fracasos. Chocan coa realidade, pois escribir unha obra infantil ou xuvenil ten unha gran complexidade. Non é fácil conectar con ese público.

Eu declárome como unha autora absolutamente orgullosa de facer libros infantís e xuvenís

Conseguir ir a unha escola co teu libro e que estean entusiasmados e enganchados ás túas obras. Ademais son un público fiel. Como os conquistes cos primeiros libros nunca te van abandonar. Tes ese peso de que por nada do mundo queres defraudalos. Eu declárome como unha autora absolutamente orgullosa de facer libros infantís e xuvenís.  

Que papel xogan os centros de ensino para unha escritora?

Para min o traballo que están realizando, como tamén o das bibliotecas, é extraordinario. Motivan a ler, mostrar as obras en función do tipo d electora ou lector. Antes desta entrevista estaba nunha escola co seu alumnado, máis de 80 nenas e nenos, disfrazados cos personaxes dos libros. Implicaron tamén as familias. As paredes do lugar onde tivo lugar a charla, chea de cartelaría e carautas cos protagonistas das obras. Recíbente como se foses unha estrela do rock. Eu só podo eloxiar o traballo que se fai nas escolas. Ese entusiasmo deles tira de min tamén.                 

Comentarios