A 'Punkativada' de Soutomaior demostrará que o estilo punk tampouco ten idade

O 26 e 27 de agosto, festival "punkie" para toda a cativada da comarca 
Peter Punk e Brais das Hortas, clásicos do punk infantil. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Peter Punk e Brais das Hortas, clásicos do punk infantil. (Foto: Nós Diario)

O 26 e 27 de agosto Soutomaior acollerá o Punkativada. Festival para a xente miúda, unha cita organizada polo Concello de Soutomaior para toda a rapazada no que tanto os máis pequenos e pequenas como pais e nais poderán desfrutar de concertos infantís, espectáculos de maxia e contacontos, obradoiros e moito máis.

O evento comezará o sábado 26 ás 11.15 horas coas Coruxeiras, dúas artistas locais de gran talento que presentan a súa última creación musical e que terán un segundo pase ás 16 horas. Ás 11.30 horas será a quenda do mago Martín Camiña, que chega a Soutomaior co seu espectáculo Ilusións sen azucre industrial. Xa ás 13 horas, a cativada desfrutará do espectáculo Ritmando, a cargo de @s Jaloch@s.

Pola tarde e tras o segundo pase das Coruxeiras, ás 16.30 horas decorrerá o obradoiro De bolas de la natural de ovella. Unha hora despois, ás 17.30, terá lugar o espectáculo de clown e escapismo A vida tola,  de Natalia "Pajarito"

Ás 18.30 horas haberá un segundo obradoiro, Somos punkis, centrado en “experimentar coa estética e coa imaxe sen vergoña e sen medo”. 

Ás 20 horas comezará o concerto ‘punkinfantil’ de Peter Punk e Brais das Hortas, e a primeira xornada do Punkativada rematará co fechamento das Actividades de Verán do Concello, ás 21 horas.

O festival retómase o domingo ás 12 horas co espectáculo musical e de contacontos A Ramona pequena vai á lúa, de Pakolas. 

Nas primeiras horas da tarde decorrerá o obradoiro Bonecos de pau, ás 17 horas. Finalmente, o home orquestra Pulpiño Viascón porá o fechamento ao Punkativada ás 18.30 horas co seu concerto Dallecopé

A maiores, durante todo o festival estará habilitado o espazo Cacharrada Musical, no que a rapazada poderá facer música e ritmos con todo tipo de obxectos cotiáns; e tamén haberá espazo gastronómico, para que as familias poidan desfrutar dunha fin de semana inesquecíbel nunha das contornas naturais máis fermosas do fondo da ría de Vigo.

O alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo, chamou toda a rapazada do concello e ás súas familias a achegarse á Carballeira do peirao, na parroquia de Arcade para “desfrutar dalgúns dos mellores espectáculos infantís que hoxe en día poden verse na Galiza”. “Queremos que todos os nenos e nenas de Soutomaior e a comarca, e en xeral toda a veciñanza, saquen ese espírito punki que todos levamos dentro". 

Comentarios