Agro

Que é o millo corvo, o "tesouro negro" que arraigou na Galiza do século XVII?

O lugar de Meiro, no Concello de Bueu (O Morrazo) acolle esta fin de semana o Encontro e Degustación do millo corvo, unha variedade autóctona da Galiza que se cultivou durante séculos nesta bisbarra, sendo finalmente substituída por variantes máis produtivas e máis atractivas comercialmente. O labor de recuperación etnográfico, gastronómico e cultural da Asociación Cultural de Meiro permite que o millo corvo non sexa apenas unha lembranza.
O millo corvo conta cun sabor e unha textura característicos. (Foto: Turismo Rías Baixas)
photo_camera O millo corvo conta cun sabor e unha textura característicos. (Foto: Turismo Rías Baixas)

O millo é unha planta anual, orixinaria –como é coñecido popularmente– de América e introducida en Europa no século XVII. Na Galiza e na cornixa cantábrica esta planta adaptouse moi ben á climatoloxía. O seu alto rendemento fixo que a súa explotación se estendese por todo o continente de maneira máis rápida do que se estendeu, por exemplo, o cultivo de pataca.

 Concretamente, na Galiza, á acidez e á dureza dos seus solos adaptouse perfectamente unha variedade de millo de cor negra, unha negrura que fixo que algúns o chamasen "gran do demo" e fosen reticentes a consumilo. Esta "mala fama" foi desmentida por un estudo da Misión Biolóxica da Galiza (MBG), que relacionou directamente a cor do gran do millo co seu contido en compostos antioxidantes e, en definitiva, cos seus beneficios para a saúde.

Así e todo, o nome que perdurou para esta variedade foi o de "millo corvo", pola súa semellanza coa cor desta ave. As primeiras testemuñas do cultivo desta variedade no país datan de 1618, precisamente no lugar de Meiro (Bueu, O Morrazo).

Características

As súas características xenéticas fixeron que se adaptara moi ben a terreos onde outros cereais non medraban. Así, en 1720, esta variedade de millo dominou o cultivo de cereal, significando para a poboación do lugar case a única colleita –92% do total–. Mais co paso do tempo, foron impoñéndose variedades de millo híbridas máis produtivas e con maiores usos comerciais.

O cultivo do millo corvo descendeu drasticamente mais non chegou a desaparecer grazas ás persoas que seguiron cultivándoo, ben como especie de transición, ben para conseguir a súa fariña, ingrediente principal da gastronomía tradicional da zona. Nesta liña, a Asociación Cultural Meiro leva desde 1997 traballando para recuperar o millo corvo.

Grazas a esta asociación e ao traballo comunitario, o millo corvo conseguiu manterse como unha variedade de millo de grande importancia na Galiza. Máis aló do proceso de conservación das sementes de millo corvo, a asociación desenvolve un labor educativo e didáctico fundamental, levando a conservación desta variedade de cereal tamén aos centros de ensino de todo o país. En 2009, o Encontro e Degustación do millo corvo foi declarado Festa de Interese Turístico na Galiza pola súa singularidade manifesta e actividades.

Propiedades

A fariña de millo corvo ten unha textura e un sabor moi característicos, sendo máis escura que a fariña de millo normal. Ten un sabor moito máis intenso e doce. Numerosos estudos indican que o millo corvo presenta un gran contido en compostos antioxidantes e que estes resisten ás altas temperaturas ao cocer o pan. Un feito indicativo do elevado potencial da fariña de millo negro como ingrediente funcional. A súa recuperación nos últimos anos é un exemplo para outras variedades propias.

Un completo programa para a XXIV edición da festa de Bueu

O lugar de Meiro, no Concello de Bueu, acollerá este sábado e domingo a celebración do XXIV Encontro-Degustación do Millo Corvo, festa popular declarada como Festa de Interese Turístico da Galiza. Mais a festa xa comeza mañá, nos muíños de Canudo, onde terá lugar a Muiñada do Millo Corvo. Ás 10.30 horas comezarán as xornadas educativas (roteiro e visita guiada para escolares) e ás 18 horas poderanse visitar os muíños.

O sábado, a partir das 11.30 horas será a apertura da Ecotaberna que contará coa elaboración de pratos con millo corvo. Ás 12 presentarase a cervexa de edición limitada elaborada con millo corvo e ás 13.30 horas terá lugar a actuación do grupo tradicional de pandereteiras Arco da Vella. Ao longo da tarde haberá obradoiros (de queixos veganos, de monicreques...) e unha charla informativa sobre os Montes do Morrazo. E a noite comezará coa actuación de The Tetas Van.

O domingo 7 pola mañá será a  andaina polos Muíños de Canudo. Ás 12.30 horas Xavier Castro presentará o seu libro Cociñeiras con Talento e ás 13.30 horas actuará Parbo-Riobó & Pintos Duet. Haberá, entre outras actividades, obradoiros e espectáculo infantil de Brais das Hortas e ás 19.30 horas a actuación musical a cargo de Ailá.

Comentarios