A superficie forestal ocupa 60,7 % do territorio galego, que concentra 30% das plantacións de eucalipto de Europa

O monte gaña terreo na Galiza mentres cae a superficie agraria útil. O proceso iniciado tras a incorporación do Estado español ao Mercado Común Europeo agudízase, até o punto de que Galiza é a comunidade con máis superficie agraria abandonada. Así o reflicten os datos que vén de publicar o Ministerio de Agricultura.

Sau
photo_camera Galiza está á cabeza do Estado en superficie agraria abandonada. (Imaxe: Nós Diario)

A superficie forestal da Galiza non deixa de medrar desde a incorporación do Estado español ao Mercado Común Europeo, antecedente da actual Unión Europea (UE), á volta de 1986. Segundo os datos que acaba de facer públicos a Enquisa sobre superficies e rendementos de cultivos de 2023, elaborada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a masa forestal ocupa 1.794.483 hectáreas, que representa o 60,7% do territorio galego e o 5,7% do estatal.

A porcentaxe de superficie ocupada polo monte na Galiza é moi superior á media do Estado español e á media dos países da Unión Europea (UE). Mentres no espazo estatal representa, segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o 38,4% do total do territorio, no conxunto comunitario, atendendo aos datos da Oficina Europea de Estatística (Eurostat) significa o 38,6%. A este respecto, Eurostat indica que só Finlandia con 66,2% e Suecia con 62,5% rexistran unha masa forestal superior á galega.

O mato

As cifras achegadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para 2023 sinalan que 598.575 hectáreas, un 33,3% da superficie forestal da Galiza, están ocupadas polo mato, que só no último ano gañou 469 hectáreas. A maior extensión do mesmo concéntrase nas comarcas ourensás con 272.593 hectáreas, seguidas das comarcas luguesas con 172.228 hectáreas, sendo unha das expresión máis evidentes do abandono do rural e un risco para a seguridade destas áreas á hora de enfrontar fenómenos como os incendios.

A superficie ocupada polo eucalipto é superior ás 500.000 hectáreas. Mentres a Enquisa sobre superficies e rendementos de cultivos de 2023 non achega datos e o Inventario forestal continúo da Galiza de 2023 da Xunta da Galiza alude a 409.026 hectáreas, as aproximacións presentadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) en 2021 apuntaban a 471.000 hectáreas, elevando esta cifra os colectivos ecoloxistas a perto de 600.000.

As plantacións de eucaliptos suman en toda Europa arredor de 1.500.000 hectáreas, 1.406.000 das cales se atopan na Península Ibérica e máis de 500.000 na Galiza. Nesta liña, a superficie ocupada por esta especie no país é maior á doutros Estados considerados como grandes produtores, como Chile con 232.000 hectáreas, Uruguai con 217.000 hectáreas, Nova Zelandia con 150.000 hectáreas, Sudáfrica con 100.000 hectáreas, Etiopía con 100.000 hectáreas, Italia con 70.000 hectáreas ou China con 48.000 hectáreas.

A produción de alimentos

A extensión ocupada polo  mato ou o eucalipto é maior á superficie de terra cultivada. A este respecto, a última enquisa sobre superficies e rendementos de cultivos indica que Galiza dedica 345.173 hectáreas á produción de alimentos. Neste sentido, 28.974 hectáreas dedícanse a cereais e gran; 11.365 hectáreas a tubérculos, fundamentalmente a patacas; 25.466 hectáreas a viñedos; 20.527 hectáreas, a froiteiras non cítricas e 21.829 hectáreas a hortas familiares.

O terreo dedicado mato e eucalipto é, tamén, superior á superficie destinada a prados e pasteiros. Nesta liña o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sinala que a este uso están dedicadas 480.035 hectáreas que representan 16,2% do total da extensión Galiza. Precisamente, a falta de base territorial é un dos principais problemas que deben afrontar as explotacións gandeiras no país, provocando un aumento dos custos de produción, que implica que as explotacións deban destinar perto do 70% dos seus ingresos a facer fronte aos gastos de alimentación dos animais.

O incremento da superficie forestal vai ligado a unha caída da superficie agraria útil (SAU). Segundo as cifras do último Censo Agrario, un documento elaborado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) cada 10 anos seguindo unha metodoloxía común a todos os Estados do espazo comunitario, en 2020 a SAU galega sumaba 597.933 hectáreas na Galiza, o que representaba 131.181 hectáreas para a actividade agraria menos que en 1986. Significaba unha redución do 15,9% na extensión das terras de cultivo e do 72,9% no número de explotacións.

A profesora do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista en cuestións agrarias, Mar Pérez Fra, sinala a Nós Diario que “non estamos en condicións de continuar co actual modelo de xestión forestal, porque iso compite cos usos agrarios e, se queremos explotacións competitivas, teñen que ter base territorial”.

A economista advirte de que “as explotacións non conseguen xerar rendibilidade pola falta de base territorial”. Neste punto, pon de manifesto que “a superficie agraria media por explotación na Galiza é de 7,9 hectáreas, cifra que está moi lonxe non só das outras áreas de Europa con especialización pecuaria, senón mesmo da media española, onde chega a 26,1 hectáreas”.

A SAU

"Estamos renunciando a utilizar con carácter produtivo o noso territorio", alerta Pérez Fra, quen destaca que “non estamos falando de dotarnos dunha superficie agraria útil como Irlanda, onde representa arredor do 80% do seu territorio, pero entre iso e unha SAU como a que temos, que representa entre o 20% e o 25% do territorio, hai unha marxe importante”.

Galiza é a comunidade do Estado con máis superficie agraria abandonada

Segundo o Informe 2024 sobre a estrutura do solo rústico de España que vén de facer público o portal especializado en cuestións agrarias Cocampo, Galiza é a autonomía do Estado español con máis superficie agraria abandonada. Así, o 35,7% da superficie agraria útil (SAU) galega atópase sen traballar. Neste sentido, acompañan Galiza nos últimos postos do Estado a Rexión de Murcia co 33,2% da SAU sen traballar, País Valencià co 25,4% e Asturias co 21%.

Os datos achegados por Cocampo sitúanse na liña do enunciado nun informe en outubro de 2023 polo Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco), tomando como base as cifras achegadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) para 2020. Neste relatorio, recóllese que o 35,4% da SAU da Galiza está abandonada, presentando, canda o país, os peores rexistros Murcia, co 27,8% da SAU abandonada; o País Valencià, co 23,3%; Illes Balears co 23,1% e Asturias co 20,9%.

296.095 hectáreas

O relatorio do Miteco sinala que 296.095 hectáreas das terras agrarias galegas están sen aproveitar. Neste caso, destaca que as maiores porcentaxes de abandono coinciden con aqueles terreos con cultivos permanentes, sumando 38.856 hectáreas, que representan 73,6% do total. Asemade, explica que “nas áreas de cultivos permanentes o abandono é moito maior en termos relativos naqueles concellos con risco de despoboamento”. Porén, advirte que está realidade é común a todas os niveis

Comentarios