Washington lidera os novos proxectos para extraer petróleo e gas natural

Para non superar unha suba de 1,5ºC non debería haber máis explotacións.
Gasolineira no Estado español. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Gasolineira no Estado español. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A Axencia Internacional de Enerxía insistiu en 2021 en que para aspirar a limitar a 1,5ºC o quecemento global por riba da época preindustrial, como asinaron os Estados do planeta para non superar o limiar a partir do cal os efectos da mudanza climática se multiplican exponencialmente, non se poden construír novas infraestruturas para explotar petróleo ou gas natural.

Porén, o informe publicado a quinta feira polo Monitor Global de Enerxía sostén que o pasado ano aprobouse o desenvolvemento de 19 novos xacementos.

Así e todo, os 8.000 millóns de barrís que spoñen están moi por baixo dos 31.000 millóns que buscan explotar no futuro as empresas dedicadas aos combustíbeis fósiles.

40% do total en América

En 2022 e 2023, ratifica o texto, os Estados Unidos, que xa lideraron nos últimos seis anos a produción de petróleo cru a nivel global, tamén encabezaron os novos proxectos de petróleo e gas, cunha produción estimada de 2.000 millóns de barrís ou o seu equivalente en gas, superando a Güiana e os Emiratos Árabes Unidos. Até o 40% do total concéntrase no continente americano.

O certo é que os datos científicos amosan que a actual infraestrutura abonda para exceder o límite de 1,5ºC. Scott Zimmerman, director de proxectos do Monitor, criticou que “amosa unha falta de compromiso” cos “obxectivos climáticos”, reiterando que “ningún” dos argumentos esgrimidos polas empresas para seguir desenvolvendo novos xacementos ten validez.

A temperatura, á alza

O pasado ano foi o máis cálido desde que existen rexistros, desde febreiro de 2023 a temperatura global é 1,5ºC máis alta, e cada un dos últimos nove meses marcaron un novo récord de temperatura.

Comentarios