O BNG denuncia o Concello da Coruña por convocar un acto o 5 de maio

A formación pide “xogo limpo” para as vindeiras eleccións municipais.
Francisco Jorquera e Ana Pontón na cidade da Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Francisco Jorquera e Ana Pontón na cidade da Coruña. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) anunciou esta quinta feira que denunciará o Goberno local da Coruña, dirixido pola socialista Inés Rei, ante a Xunta Electoral de zona por convocar a ‘Cea do Deporte’ o próximo 5 de maio, “apenas uns días antes do comezo da campaña das eleccións municipais”.

Segundo precisa a formación política, o pasado 4 de abril publicouse no Boletín Oficial do Estado (BOE) o Decreto de convocatoria das eleccións municipais.

A partir dese momento, e segundo a Lei electoral vixente, engade, “non se poden producir actos de propaganda institucional”.

“Xogo limpo”

Para o portavoz do BNG no Concello herculino e candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera, trátase dun “intento por parte do Goberno local de usar recursos públicos, institucionais, para darlle publicidade ao labor do propio Goberno local, o cal contravén por completo o estabelecido na Lei electoral vixente”.

O candidato nacionalista reclama “xogo limpo” na campaña das eleccións municipais que principiará e que “non se usen recursos públicos, recursos de todos os cidadáns e cidadás, con fins partidistas e electorais”.

Comentarios