A Coruña disporá en 2024 dun orzamento de 375 millóns

Constitúese a sociedade xestora da Cidade das TIC
Inés Rei e Laxe Tuñas, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Inés Rei e Laxe Tuñas, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

O pleno da Coruña aprobou esta quinta feira, de maneira definitiva, o orzamento para 2024, que ascende a un total de 375 millóns de euros e que entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro. 

Foi co respaldo de PSOE e BNG, após o acordo e as negociacións para estas contas e con críticas desde as filas do PP. "Non son uns orzamentos que estean á altura da cidade", asegurou o portavoz do grupo municipal popular, Miguel Lourenzo. Antes, desde as filas socialistas, o portavoz do Goberno local, José Manuel Laxe, asegurou, no punto relativo á aprobación das ordenanzas fiscais e destas contas, que son o "maior orzamento da historia" e destacou que está "pensado para as persoas", co obxectivo de ser un "escudo social".

"Ningún concello na Galiza ofrece o nivel de cobertura social e protección que ofrece este Concello, e ningún Goberno apostou tanto como o de Inés Rei por contar cun paraugas social da magnitude do noso”, expuxo Laxe. 

Á súa vez, o portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, destacou o incremento nun 20% respecto aos últimos orzamentos e tamén o feito de que estean pensados "nos barrios e na dinamización económica". Así, as conta da Coruña para 2024 contemplan unha atención directa aos barrios, con investimentos que chegarán a uns 93,5 millóns de euros. 

"A Coruña necesita uns orzamentos e non poden estar prorrogados", afirmou o portavoz do grupo municipal do PP, que denunciou ademais a ausencia de medidas en materia de taxas e impostos

Cidade das TIC

Na sesións plenaria, deuse tamén luz verde a unha addenda ao convenio interadministrativo polas obras na estación intermodal, que suporá unha ampliación do aparcadoiro subterráneo, que pasa dun total de 350 a 575 prazas. 

Ademais, hoxe ratificouse de maneira definitiva a constitución da sociedade xestora da Cidade das TIC, unha entidade 100% pública participada polo Concello e pola Universidade da Coruña (UDC) a un 51 e 49%, respectivamente. 

"A Cidade das TIC concitou sempre un apoio unánime e así ten que seguir sendo [...]. Os resultados do impulso dado están á vista", afirmou onte José Manuel Laxe.

Comentarios