23-X

Feixoo reuniuse con Abascal en secreto para analizar o escenario tras as eleccións

Mentres PP e Vox cruzaban acusacións e reproches logo de non alcanzaren a maioría absoluta, os seus líderes mantiveron un encontro do que non informaron á prensa para analizar o panorama que deixaba no Congreso a cita coas urnas do pasado 23 de xullo.
Saúdo entre Alberto Núñez Feixoo e Santiago Abascal no acto institucional do pasado 12 de outubro, en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Saúdo entre Alberto Núñez Feixoo e Santiago Abascal no acto institucional do pasado 12 de outubro, en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Os líderes do Partido Popular e de Vox, Alberto Núñez Feixoo e Santiago Abascal, mantiveron un encontro 'cara a cara' a pasada semana para analizar o escenario aberto tras as eleccións estatais decorridas o domingo 23 de xullo. Fontes da dirección da formación de ultradereita, citadas pola axencia Europa Press, veñen de confirmar que ambos os líderes tiveron un primeiro contacto por teléfono no que se emprazaron a manter unha reunión presencial, que finalmente se convocou a mediados da semana pasada.

No encontro dedicáronse a "analizar o resultado" dos comicios, nos que PP e Vox ficaron próximos á maioría absoluta —170 escanos, aos que se sumaría o logrado por UPN nunha hipotética investidura de Feixoo—, e a "incerteza" de cara a posíbeis pactos no Congreso que permitan quer a Feixoo quer ao presidente do Goberno español en funcións e candidato do PSOE, Pedro Sánchez, lograr unha maioría que lle permita gobernar.

A mesma noite electoral, Abascal culpou o PP de frustrar "a alternativa" cos seus chamamentos ao voto útil e "ofrecementos" ao Partido Socialista, como cando pediu a Sánchez, no único debate —'cara a cara'— no que accedeu a participar, que se comprometese por escrito a permitir a investidura da "lista máis votada" após as eleccións.

E desde as filas da extrema dereita tamén acusaron os 'populares' de crer unhas enquisas "manipuladas" que tiñan o obxectivo —segundo Abascal— de "desmobilizar o electorado de dereitas" e de "dar por feita" a vitoria antes de lograla. "Venderon a pel do oso antes de cazalo", cuestionou o líder ultra, nada máis coñecer os resultados.

Mentres ambas as formacións políticas cruzaban acusacións sobre o papel xogado na campaña electoral e as súas políticas de pactos, Feixoo e Abascal reuníanse en secreto, tal e como confirmaron tamén esta segunda feira fontes 'populares', sen informar á prensa deste achegamento nin do que podería supor de cara á constitución das Cortes e a sesión de investidura.

O PP, pola súa parte, abriu tamén un debate sobre a estratexia que debe seguir a respecto de Vox, se ben agradeceu de igual modo o anuncio de Abascal de que o seu partido non sería "un obstáculo" para a formación dun Executivo que "impida un Goberno de destrución nacional", en alusión á coalición PSOE-Sumar, o que sería posíbel, afirmaron desde Vox, co apoio dalgúns membros "do PSOE bo" —tránsfugas que cos seus votos investisen Feixoo fronte a Sánchez—.

O voto CERA dá máis relevancia a Junts

O reconto do voto emigrado provocou un único cambio no panorama estatal que ten, porén, unha enorme repercusión do taboleiro político. A suma dos votos de residentes no extranxeiro deu na circunscrición de Madrid un novo deputado ao PP —Carlos García Adanero, expulsado de UPN após votar 'non' á reforma laboral en contra das directrices do seu partido— que perdeu o PSOE, polo que a suma do bloque proclive a Pedro Sánchez pasa de 172 a 171 escanos, e o que votaría 'non' á reedición do Goberno dos socialistas con Sumar, de 171 a 172. Non abondará, pois, con que Junts (7) se absteña, senón que deberá votar 'si' —ou, cando menos, dous dos seus deputados— a Sánchez.

Comentarios