Laxe Tuñas nega irregularidades coa licenza de cambio de uso do seu piso

A oposición exixe transparencia na xestión do Goberno da Coruña
Inés Rei e Laxe Tuñas, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Inés Rei e Laxe Tuñas, nunha foto de arquivo. (Foto: Nós Diario)

O portavoz do Goberno da Coruña e concelleiro de Economía e Planificación Urbana, socialista José Manuel Laxe Tuñas, argumentou esta quinta feira no pleno que "cumpriu escrupulosamente coa lei" en relación co cambio de uso do piso que adquiriu na avenida do Exército e cunhas obras, segundo BNG e PP, iniciadas sen licenza.

De "linchamento" e "cazaría organizada" contra a súa persoa cualificou as denuncias de "graves irregularidades" que ambas as formacións expuxeron en relación co cambio de usos de oficina a vivenda, a execución de obras e a tramitación de licenza que, segundo a oposición, non se tiña inicialmente. 

"Non participei de ningún modo e maneira na tramitación de licenza de obras e a miña abstención prodúcese cando debe producirse", aseverou despois de que o portavoz do grupo municipal do PP, Miguel Lourenzo, asegurara que o fixo "ao final do procedemento".

"Depurar responsabilidades"

Pola súa parte, o portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, instou a rexedora, Inés Rei, a "depurar responsabilidades" ao entender que se actuou "mal". Sobre o convite a acudir á Fiscalía realizado previamente pola alcaldesa, Jorquera insistiu en que, unha vez analizados os expedientes do caso, non lles constan feitos delitivos, pero si "graves irregularidades" como, sinalou, incumprimento de prazos para a concesión de licenzas de urbanismo. 

No debate das mocións, o pleno aprobou unha iniciativa do PP cos votos de populares e nacionalistas requirindo que se respondan motivadamente as solicitudes de información e que se promova a creación dunha comisión de seguimento da xestión do Goberno local.

Comentarios