Un home faleceu, na madrugada de hoxe no municipio pontevedrés de Soutomaior tras producirse un incendio na súa vivenda.
Segundo informou o 112, o lume produciuse nun cuarto do domicilio, que foi practicamente a única estancia da casa que resultou afectada e onde atoparon morta á persoa.
Así, foi unha particular, a propietaria da vivenda, quen sobre as 04.30 horas chamou ao 112 para pedir axuda. A persoa indicou que ardía a casa situada na rúa Valmonte, en Arcade.
Os xestores do 112 informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Baixo Miño, á Garda Civil, á Policía Nacional, os Bombeiros de Pontevedra, os membros do GES de Mos e a Protección Civil da localidade.
Unha vez no punto, os efectivos de Protección Civil de Soutomaior confirmaron que o lume estaba apagado e que só afectara á estancia da casa onde estaba o home falecido.