Medalla Castelao para Ledicia Costas, Siniestro Total, Susana Rodríguez, Lino de Prado e Rafael López

Esta cuarta feira entregáronse as Medallas Castelao, as Medallas Castelao 2023, que distinguen aos galegos que fixeron contribucións singulares e "levaron o nome da Galiza máis aló das súas fronteiras". A escritora Ledicia Costas e a banda de rock Siniestro Total foron dous dos galardoados.
Ledicia Costas recibindo a Medalla Castelao. (Foto: Xerais)
photo_camera Ledicia Costas recibindo a Medalla Castelao. (Foto: Xerais)

A escritora Ledicia Costas e a banda Sinestro Total xunto coa deportista Susana Rodríguez Gacio, o empresario Lino de Prado e o oncólogo Rafael López, recibiron esta cuarta feira as Medallas Castelao de mans do presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, nunha cerimonia que tivo lugar en San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. 

Á entrega, presidida polo líder da Administración autonómica, asistiron os restantes membros do Goberno galego, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o delegado do Goberno, Pedro Blanco; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o presidente da RAG, Víctor Freixanes; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, entre outras autoridades.

A escritora Ledicia Costas foi a primeira en recibir o galardón, "unha verdadeira honra", dixo, ao ser un recoñecemento "tan cheo de significado". Costas recoñeceuse como neofalante e parte dunha das primeiras xeracións escolarizada en galego, que "abrazou" o idioma a través da literatura infantil e xuvenil. "Que valioso é transmitir o idioma e que cousa tan fermosa recibilo así, a través das historias", comentou. "A lingua galega é o corazón deste país e eu, igual que moitas persoas, facémolo bombear", defendeu.

Unha das maiores ovacións da xornada levouna o grupo Siniestro Total. Julián Hernández, que recolleu o premio, comparou a medalla Castelao co premio Nobel, e falou de Castelao como "intelectual multitarefa" que denunciou a guerra e sufriu o exilio.

Hernández botou man das palabras do seu produtor estadounidense para definir a banda como "anarcocomunistas galegos". "Somos un grupo de rock and roll que tocamos a toda hostia, fin de la cita", concluíu.

Protesta de pacientes

Con motivo da entrega da medalla Castelao ao xefe do servizo do CHUS, doutor Rafael López, nun contexto no que multitude de pacientes oncolóxicos permaneceron e aínda permanecen sen citas de control e avaliación por manter pechadas as axendas dende o mes de outubro do 2022, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS e pacientes do servizo manifestamos o noso desacordo e descontento por este premio mediante unha concentración ante a igrexa de San Domingos.

Comentarios