A galardoada Ledicia Costas e a súa obra protagonizan o ‘Sermos Galiza’

O novo número do semanario tamén nos achega a historia dos catro coros centenarios da Galiza e a figura do escritor e cinéfilo Miguel Anxo Fernández

Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario vén acompañado dun novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez é a escritora viguesa Ledicia Costas, que vén de ser recoñecida cunha das Medallas Castelao deste ano 2023. Unha avogada que colgou a toga para facer de crear mundos o seu medio de vida.

“Para min é moi bonito levar o galego ás escolas a través da literatura. Se consigo que algún se enganche, é unha marabilla. Logo hai discursos sobre que a xente nova nunca falou tanto galego. Onde? En Vigo ou na Coruña é difícil que os rapaces manteñan unha conversa en galego”, afirma Costas nunha entrevista que asina Montse González.

“Os primeiros títulos que escribín, sendo unha nena, foron en castelán. Despois descubrín títulos de Fina Casalderrey, de Xabier P. Docampo ou de Agustín Fernández Paz que me levaron a outros libros en galego. Así empecei a miña transición para converterme en galegofalante. Na miña casa non se falaba galego. Pero fun das primeiras xeracións escolarizadas en galego e ademais a contorna era favorábel, porque no rural vigués falábase galego”, explica a escritora, que se declara neofalante grazas ao “poder da literatura”.

O orgullo dun pobo

Desta volta, abre o semanario unha reportaxe de Elvira Branco co gallo do 106 aniversario da primeira actuación do coro coruñés Cántigas da Terra.

“Nun contexto de reivindicación e do orgullo pola propia terra, a comezos do século XX nacen na Galiza unha serie de agrupacións artísticas que buscaban normalizar culturalmente o país e defender a arte galega en todas as súas manifestacións”, escribe Branco.

“Máis de cen anos despois, catro destas formacións continúan a defender os seus obxectivos fundacionais: o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, a Coral De Ruada de Ourense, Cantigas e Agarimos de Compostela, e Cántigas da Terra, da Coruña, que precisamente esta semana celebra o seu 106 aniversario”, engade.

Miguel Anxo Fernández, escritor e cinéfilo

Felipe-Senén fálanos de Miguel Anxo Fernández, escritor e crítico de cinema do Carballiño.

“O cine é unha porta aberta ao mundo, á realidade e á fantasía, podémolo contar os que case vivimos o pase do cine mudo, do branco e negro ao technicolor e o cinemascope... algo que nos marcou. E velaí nesas pescudas un singular persoeiro carballiñés, aureolado nun feixe de luz cinematográfico, mesmo quizais superando o argumento de Cinema Paradiso (1987), referímonos ao amigo, escritor, cinéfilo e mesmo, atreveriámonos a catalogalo de cineasta, Miguel Anxo Fernández”, cóntanos.

Literatura, música, cinema... E moito máis!

Neste número de Sermos Galiza Tensi Xesteira e Manuel Barreiro analizan na sección de Libros as últimas novidades do ámbito editorial, a comezar por A muller Xabaril de Fina Casalderrey e Irene, a porteira de Xulia Pisón e Óscar Losada.

Olga Brañas e Xaneco Tubío, no apartado de Música, fálannos de música galega da man de De tu casa a la mía de Uxía e Javier Ruibal, un retrato musical de Rosalía e de Lorca, e da ausencia da gaita galega nos estudos de máster.

Andrés Castro achéganos unha semana máis ao Cinema, analizando Aisha, dirixida por Frank Berry, un filme ideal “para amantes de dramas sólidos de anhelos imposíbeis”.

Ademais, este número de Sermos Galiza trae tamén patrimonio oral a través da voz de Sole Felloza, unha ollada ás fachadas das vivendas galegas con Lázaro Armental, Pepe Barro fala de deseño histórico, e os pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

 *Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros! Tamén podes subscribirte nesta ligazón.

Comentarios