Máis

Leiro camiña sobre o Avia

Na vila existen catro pontes que cruzan o río
Ponte de Leiro Dixital
photo_camera A ponte Esperela é un dos principais accesos de entrada e saída de vehículos a Leiro (O Ribeiro).

A historia de Leiro (O Ribeiro) está gravada nas pedras que vertebran algunha das súas pontes. Na vila sitúanse catro viadutos que permiten aos vehículos e ás persoas transeúntes atravesar o río Avia: a ponte medieval de San Clodio, a ponte Esperela, a moderna ponte colgante e a Ponte das Poldras.

A ponte de San Clodio data do século XV. Recibe o nome do Mosteiro de San Clodio, que se atopa nas inmediacións. Conta con tres arcos de medio punto lixeiramente apuntados. Os laterais presentan luces de 10,75 e 13,50 metros.

O arco central chega até case os 19 metros. A lonxitude da ponte alcanza os 85 metros.  Acaroados aos piares, érguense dous contrafortes que permiten trasladar a carga estrutural da ponte cara ao chan e alixeirar o peso que soportan os piares. O remate da clave, pedra central coa que se fecha o arco, é unha cruz por un flanco e unha esfera polo outro que poderían datar do século XIX.

A ponte sufriu unha reforma en 1731, unha intervención que  mellorou a accesibilidade da construción. A infraestrutura foi testemuña de episodios históricos como os combates que se libraron durante a ocupación francesa de 1809.

A ponte de San Clodio forma parte da ruta que discorre entre Pazos de Arenteiro e Ribadavia. Outro dos puntos que figuran neste itinerario é a Ponte das Poldras, tamén en Leiro. A orixe da ponte é románica, unha datación que revela a súa posíbel vinculación ao Mosteiro de San Clodio. Trátase dunha infraestrutura pétrea que descansa sobre 15 pés levantados sobre as augas do río Avia. 

Eses pequenos piares suxeitan as grandes e pesadas lousas que unen as dúas beiras do río e que serven de calzada. Ten unha lonxitude de case 30 metros e unha altura que non excede os dous metros.

Outro viaduto localizado en Leiro é a ponte Esperela. Esta estrutura foi restaurada hai un ano. A intervención consistiu principalmente en mellorar o alumeamento e substituír o pavimento anterior, de asfalto, por un novo de formigón e pedra que permitise unha correcta integración na contorna.

Comentarios