teatro

'Muller a escena' leva a creatividade feminina a Carral e Cambre: consulta aquí o programa

O programa do festival  desenvolverase en xaneiro e febreiro.
Soledad Agra e Xosé Leis presentando o programa do festival.
photo_camera Soledad Agra e Xosé Leis presentando o programa do festival.

O Festival Muller á Escena, organizado pola área de igualdade da Deputación da Coruña, estrea unha nova edición que terá lugar nos concellos de Carral e Cambre (comarca da Coruña) durante os meses de xaneiro e febreiro. Esta mostra, que pon en valor o traballo das mulleres creadoras, conta cunha programación que inclúe espectáculos teatrais, pezas audiovisuais e charlas divulgativas. 

"Queremos contribuír a pór en valor o traballo das mulleres creadoras, que son moitas no noso país, a través da perspectiva de catro artistas de diferentes disciplinas" apuntou a deputada de Igualdade, Soledad Agra, que afirmou que queren apostar por "unha programación protagonizada por artistas emerxentes e outras xa consagradas para combinar diversas miradas sobre a invisibilización das mulleres en espazos artísticos”. 

Programa

O concello de Carral acollerá as actividades de xaneiro: ademais das que xa se celebraron os días 11 e 12, os vindeiros 18 e 25, ás 20 horas, haberá charlas na Casa da Cultura: Noelia Darriba abordará o "bo trato" e Mariana Carballal falará do papel da muller na industria audiovisual. E, os días 19 e 26, ás 20.30 horas, o Auditorio Xente Nova acollerá as funcións de Carmen Conde Tabú, e de Diana Sieira, The Witch, respectivamente.

Pola súa parte, a programación de febreiro desenvolverase no concello de Cambre. Os días 2, 16 e 23, ás 20 horas, terán lugar diferentes mesas de reflexión: o día 2, Viki Ribadulla falará sobre a creación plástica en feminino; o 16, Olga Osorio exporá a súa experiencia sobre o camiño dunha directora de cine e o 23, María Solar reflexionará sobre literatura e muller. Os sábados 3, 17 e 24, ás 20.30 horas, celebraranse os espectáculos de Estíbaliz Veiga, Golpes, Vanessa Rivas con Vestido de Voda, e María Milagros con Miluka Suriñac.

O Festival Muller á Escena, comisariado por Xosé Leis, enmárcase no Plan de Igualdade da Deputación, que persegue a exposición e reflexión do papel das mulleres na sociedade "para contribuír a alcanzar un mundo máis feminista e xusto".

Comentarios