A SELIC amplía a súa mirada sobre a novela negra coa participación de John Banville

Tamén estará en Compostela a palestina Adanía Shibli e representantes do xénero criminal como Rosa Ribas, Miguel Barrero, Joao Tordo ou Bieito Iglesias, así como nomes galegos como Rosa Aneiros ou Diego Ameixeiras
Camilo Franco, Míriam Louzao e, na pantalla, John Banville. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Camilo Franco, Míriam Louzao e, na pantalla, John Banville. (Foto: Nós Diario)

Compostela traballa xa na próxima edición da súa Semana do Libro (Selic), que decorrerá entre o 7 e o 16 de xuño na praza da Quintana, coa mirada posta na novela criminal e na internacionalización da cita.

A concelleira de Cultura de Santiago, Míriam Louzao, e o director da cita, Camilo Franco, compareceron esta segunda feira en rolda de prensa para debullar as primeiras pinceladas da próxima edición, na que estará como convidado o irlandés John Banville, vinculado á literatura negra baixo a sinatura de Benjamin Black.

Ademais, Louzao lembrou que tamén estará en Compostela a palestina Adanía Shibli e representantes do xénero criminal como Rosa Ribas, Miguel Barrero, Joao Tordo ou Bieito Iglesias, así como nomes galegos como Rosa Aneiros ou Diego Ameixeiras.

Dentro da Selic haberá "actividades para todos os públicos", dixo Camilo Franco, aínda que con especial atención aos fans do xénero negro, cuxa sección se ampliará até os 3 días con vocación de permanecer así en próximas edicións.

Noites "golfas"

Como novidades deste ano, ampliarase a carpa da feira para "facer un espazo máis amábel para as persoas usuarias e expositoras" así como para crear un espazo de lectura para crianzas, pensado especialmente para as máis pequenas, grazas a un acordo coa biblioteca Ánxel Casal.

Os sábados, avanzou Camilo Franco, os organizadores expuxeron a necesidade de estender o horario da feira con música e actividades a modo de "cultura golfa", aínda que "sen perder de vista a literatura".

En canto ás actividades pola cidade, Camilo Franco destacou o éxito dos roteiros literarios, un xénero "que parece inventado para Compostela", e avanzou que se ampliarán os roteiros dramatizadas sobre Roberto Vidal Bolaño e a súa obra Doentes.

Comentarios