Máis

Castrexas contra o Imperio

Cambre revive o seu pasado de resistencia 
A lexión romana desfilou por Cambre na edición de 2022. (Foto: Concello de Cambre)
photo_camera A lexión romana desfilou por Cambre na edición de 2022. (Foto: Concello de Cambre)

Durante o proceso de "romanización" da Galiza, aló polo século I, Cambre, na comarca da Coruña, foi lugar de convivencia entre os pobos que vivían nos castros e o exército romano, que non só estivo de paso, senón que estabeleceu aquí o seu lugar de residencia. Unha convivencia que, ademais, rematou coa aculturación total da poboación local. 

Esta parte da Historia, de Cambre fica reflectida nos restos que aínda perviven do Castro de Castromaior, na vila romana, no Campo da Feira e, especialmente, no mosteiro beneditino de Santa María.

Un pasado cultural e patrimonial que Cambre busca pór en valor coa Romaría Castrexo Romana Galaicoi (14, 15 e 16 de xullo), que este ano 2023 celebra a súa sexta edición, consolidándose xa como un evento de carácter anual. 

Galaicoi busca xuntar persoas de todas as idades, nunha viaxe ao tempo na que a caracterización e a recreación son os maiores recursos. Así, a veciñanza de Cambre –que debe escoller bando: castrexo ou romano–, en total caracterización, reconstrúe un poboado castrexo no propio Castro de Castromaior. Nas rúas dos arredores recrean un mercado-feira polo que transitarán "verdadeiras" lexións romanas.

Unha declaración de guerra entre romanos e castrexos dá comezo á romaría, na que non faltarán desfiles, espectáculos, olimpíadas, xogos infantís, teatro –coa interpretación de pezas como Os xemelgos de Plauto ou Medea– e moita música, da man da Festicultores Troupe, do grupo Usala e das agrupacións locais que tradicionalmente levan os seus instrumentos á romaría para amenizar as xornadas. 

Galaicoi culminará coa sinatura da paz entre os dous bandos, pondo fin a tres xornadas de festa.

Comentarios