Un estudo revela que a mudanza climática reducirá os ingresos mundiais 19% nos próximos 25 anos

En 2049 o impacto económico alcanzará 35 billóns de euros anuais.
Inundacións en Paquistán a segunda feira. (Foto: PPI via ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)
photo_camera Inundacións en Paquistán a segunda feira. (Foto: PPI via ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)

Nos vindeiros 25 anos, a alza das temperaturas provocada principalmente pola queima de combustíbeis fósiles diminuirá os ingresos globais 19% en comparación cun mundo no que a mudanza climática non existise, concluíu un estudo do Instituto Potsdam para a Investigación do Impacto Climático publicado a cuarta feira pola revista Nature.

A mudanza climática “causará danos económicos masivos” en “case todos os países do mundo, tamén nos altamente desenvoltos”, explicou Leonie Wenz, co autora do traballo científico.

Con todo, as cifras confirman que estes Estados, principais responsábeis do quecemento global, estarán menos afectados que a media, cunha baixada de 11% en Alemaña e os Estados Unidos e de 13% en Francia.

O autor principal, Max Kotz, destacou a “inxustiza” de que os países que menos gases de efecto invernadoiro emitiron sexan os que padezan os maiores danos financeiros.

Os Estados menos desenvoltos economicamente perderán 61% máis ingresos que os máis desenvoltos.

Apenas os territorios próximos ao Ártico (o Canadá, Rusia, Noruega, Finlandia e Suecia) se beneficiarán desta situación, que no caso de Europa afectará sobre todo o sur continental, onde se sitúan o Estado español ou Italia.

Todo iso se a suba das temperaturas se logra limitar a 2ºC por riba da época preindustrial. Non obstante, de superarse esta cifra o impacto económico podería derivar nunha redución de 60% dos ingresos, advirte Kotz.

Este estudo foi divulgado poucos días despois de que lugares desérticos como os Emiratos Árabes Unidos viviran as súas peores inundacións desde que comezaron os rexistros de precipitacións no país en 1949.

Comentarios