Primeira reunión do Goberno galego: Inditex e Altri entran no monte queimado da man da Xunta da Galiza

A primeira reunión do Goberno galego aprobou o novo Plan de prevención de incendios forestais para este ano e que incorpora, como unha das súas novidades, a participación de empresas privadas á hora de actuar en terreos afectados polo lume. 
Rueda pasando por diante dos integrantes do Executivo galego antes de tomaren posesión. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Rueda pasando por diante dos integrantes do Executivo galego antes de tomaren posesión. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A multinacional Inditex e a pasteira portuguesa Altri entran na rexeneración do monte galego queimado da man da Xunta da Galiza. A primeira reunión do Goberno galego aprobou o novo Plan de prevención de incendios forestais para este ano e que incorpora, como unha das súas novidades, a participación de empresas privadas á hora de actuar en terreos afectados polo lume. 

O novo Goberno galego estaba xa constituído a primeira hora da mañá desta segunda feira coa promesa ou xura do seu cargo polos 12 conselleiros e conselleiras, un Goberno que incorpora catro rostros novos a respecto do anterior Executivo de Alfonso Rueda. Ás dez da mañá celebraban a súa primeira reunión gobernamental e case tres horas despois o propio Rueda comparecía para dar conta dos acordos adoptados polo novo Executivo, entre eles o plan de prevención de incendios forestais, que estará vixente até marzo do vindeiro ano. 

Unha das novidades que vén co plan deste ano é a entrada de Inditex e Altri na rexeneración do monte galego a través dun fondo público–privado creado pola propia Xunta da Galiza. A firma lusa achegará dous millóns de euros e o acordo con Altri, a parte de aspectos ligados coa prevención de lumes e a restauración de zonas afectadas, inclúe cuestións sobre mellora xenética forestal. Unha incorporación que chega en plena mobilización social contra o proxecto da pasteira de instalarse en Palas de Rei (A Ulloa). Inditex achega nove millóns. A previsión do Executivo galego é que este fondo público-privado conte cun total de 36 millóns entre o financiamento da Xunta e das novas incorporacións.

Reprodución asistida

O Goberno galego aprobou tamén na súa reunión desta segunda feira a ampliación até os 45 anos para poder acceder á fecundación in vitro. Tamén que as mulleres galegas poidan conxelar óvulos até os 35 anos de idade.

Así mesmo, o presidente anunciou o acordo do Executivo para aprobar as axudas para persoas que adopten un animal doméstico en centros de recollida autorizados (hai 39 na Galiza), co obxectivo de chegar ao milleiro de beneficiarios, aínda que se fose necesario, a convocatoria ampliaríase, tamén o crédito dispoñíbel.

As axudas serán para os primeiros gastos veterinarios e de identificación e variarán segundo se adopte un can (150 euros) ou un gato (125 euros). Cada persoa poderá ser beneficiaria de dúas axudas como máximo e buscaranse garantías de que as adoptantes teñan interese en coidar e convivir co animal doméstico en cuestión "toda a súa vida".

Escanos no Parlamento

O presidente galego apuntou que, con carácter xeral, os conselleiros e conselleiras con acta de deputado e deputada deixarán a mesma, permitindo así que corra a lista e entren na Cámara galega as seguintes persoas nas candidaturas, unha práctica que xa se aplicaba en lexislaturas anteriores. A respecto da eliminación das dúas vicepresidencias no novo Executivo, Rueda negou que se estivese a "degradar" a ninguén, e defendeu a "horizontalidade do novo Goberno".

"Isto é unha carreira de relevos e todos os que toman posesión serán cesados nalgún momento", apuntou, defendendo os "magníficos equipos da Xunta, independentemente de quen estea á fronte deles".


Comesaña e Rivo, dous conselleiros que saen por portas distintas

Dous son os conselleiros que non renovan e non están no novo equipo designado por Alfonso Rueda: Julio García Comesaña, que ostentaba a carteira de Sanidade, e Elena Rivo, titular de Emprego. A ourensá nin sequera asistiu á toma de posesión do novo Executivo alegando unha "indisposición". Fontes do PP recoñecen que o seu cesamento non lle sentou ben —é das conselleiras máis breves da historia da Xunta da Galiza— e que non o agardaba, máxime cando encabezou a candidatura do PP pola circunscrición ourensá nas eleccións galegas.

E se ben Rueda tivo esta segunda feira concisas palabras para agradecer o labor de Rivo; espraiouse máis para louvar o traballo feito por García Comesaña en Sanidade ("fixo un magnífico traballo"). Ambos os dous, Comesaña e Rivo, son deputados e neles, recoñeceu o presidente, está a decisión de se continúan no escano ou o deixan. 
Sobre Comesaña non faltan voces que, coa mirada longa, o sitúan como posíbel baza do PP para as vindeiras municipais de Vigo. O Partido Popular non está sobrado de referentes coñecidos de peso na principal urbe galega —no novo Executivo non hai ningún vigués— e o xa ex conselleiro de Sanidade pasou a formar parte neste último mes da nova xestora que dirixe o PP na cidade de Vigo. 

Comentarios