Irán contraataca con decenas de mísiles a Israel e deixa a rexión en vilo ante unha escalada sen precedentes

A Garda Revolucionaria iraniana advirte ás autoridades israelíes, que informaron de que foron neutralizados até "99%" dos mísiles, que unha ofensiva contra o seu territorio terá unha nova resposta "inmediata e cunha intensidade duplicada".
Forte explosión sobre o ceo de Xerusalén após interceptar a Cúpula de Ferro un dos mísiles lanzados por Irán esta pasada noite. (Foto: Europa Press / Contacto / Jamal Awad)
photo_camera Forte explosión sobre o ceo de Xerusalén após interceptar a Cúpula de Ferro un dos mísiles lanzados por Irán esta pasada noite. (Foto: Europa Press / Contacto / Jamal Awad)

Escalada sen precedentes no conflito árabe-israelí. A resposta iraniana ao bombardeo de Israel sobre o Consulado de Irán en Damasco (Siria) no que morreron varios altos cargos deste país era inminente, tal e como predicira Washington na sexta feira e que as propias autoridades de Irán xa anunciaran. E na noite do sábado ao domingo, por vez primeira na historia recente, Irán atacou directamente o territorio israelí.

Foron polo menos tres vagas de lanzamentos nas que se dirixiron cara a Israel decenas de drones e mísiles balísticos —máis de 200, segundo o Exército hebreo— e que obrigaron a fechar o espazo aéreo de Israel ao fío das 2 horas da madrugada [hora local], reaberto a primeira hora deste domingo. A Garda Revolucionaria de Irán reivindicou a ofensiva e enmarcouna nun "castigo ao réxime ilexítimo e criminal" de Benjamin Netanyahu, en resposta ao ataque ao seu Consulado en Damasco.

O portavoz das Forzas Armadas de Israel, Daniel Hagari, asegurou nunha comparecencia de prensa que a maioría dos mísiles iranianos —"o 99%", dixo— foron interceptados polo sistema de defensa antiaérea. Porén, algúns si impactaron en territorio israelí, se ben os servizos sanitarios non teñen constancia de que houbese vítimas mortais.

Reaccións

Após lanzar este ataque, fontes oficiais do réxime iraniano advertiron que unha "resposta" de Israel derivará nunha nova contraofensiva que chegaría "inmediatamente e cunha intensidade duplicada". E tamén se dirixiron a Joe Biden avisando de "consecuencias" se apoia Israel fronte a Irán: "Calquera ameaza do Goberno terrorista dos Estados Unidos e o réxime sionista que se orixine en calquera país recibiría unha resposta recíproca e proporcional contra a orixe da ameaza".

O propio Biden comunicouse pola noite con Netanyahu para trasladarlle o "férreo compromiso dos Estados Unidos coa seguridade de Israel" e aplaudiu a súa "capacidade de defensa", ao tempo que condenou o ataque "nos termos máis enérxicos posíbeis". Para este domingo están convocadas de urxencia unha reunión do G-7 e outra do Consello de Seguridade da ONU para analizar a evolución do conflito.

Precisamente o secretario xeral da ONU, António Guterres, condenou a "grave escalada" que representa o ataque "a grande escala" lanzado por Irán contra Israel e mostrouse "profundamente alarmado" polo risco, "moi real", de que haxa un "devastador" aumento das tensións en toda a rexión. Por iso, reclamou o cesamento "inmediato" das hostilidades e apelou á "máxima contención" de "todas as partes", para "evitar calquera acción que poida levar a un grande enfrontamento militar en múltiples frontes en Oriente Próximo" e iniciar unha gran guerra que "nin a rexión nin o mundo poden permitirse".

E voltando o foco cara o Estado español, o presidente, Pedro Sánchez, chamou a "evitar a toda costa" unha escalada dos acontecementos na rexión, e dixo estar en "contacto permanente" coas embaixadas españolas nos países involucrados, que permanecen aínda operativas.

Comentarios