Medra a tensión: Israel ameaza con responder "con accións, non con palabras" a Irán

O ministro de Defensa israelí, Yoav Gallant, desliza a posibilidade de formar unha "alianza estratéxica" que inclúa países como os Estados Unidos ou Alemaña.
Reunión do Gabinete de Guerra de Israel, este domingo. (Foto: Amos Ben-Gershon / GPO / dpa vía Europa Press)
photo_camera Reunión do Gabinete de Guerra de Israel, este domingo. (Foto: Amos Ben-Gershon / GPO / dpa vía Europa Press)

A incerteza paira sobre Oriente Medio, cara a onde viran todas as miradas desde que Irán realizou esta madrugada un ataque sen precedentes con máis de 200 mísiles e drones contra o territorio israelí, en resposta ao bombardeo do Consulado de Irán en Damasco (Siria) por parte de Israel que acabou coa vida de varios altos cargos iranianos. Unha ofensiva que a Garda Revolucionaria de Irán reivindicou como un "castigo ao réxime ilexítimo e criminal" de Benjamin Netanyahu e que non produciu vítimas mortais, pois foron interceptados "o 99%" dos mísiles, afirmou o portavoz militar, Daniel Hagari.

O primeiro impulso de Netanyahu foi atacar Irán a modo de represalia, decisión que impediría, segundo altos funcionarios estadounidenses citados por The New York Times, unha conversa telefónica co seu homólogo nos EUA, Joe Biden. "Díxenlle que Israel demostrara unha notábel capacidade para defenderse e derrotar mesmo ataques sen precedentes, enviando unha clara mensaxe aos seus inimigos de que non poden ameazar eficazmente a seguridade de Israel", declarou posteriormente Biden.

Pero a idea de contraatacar cobra forza en Tel Aviv, e un dos portavoces do Exército, Kamal Penhasi, advertiu de que a súa resposta chegará e que será "con accións, non con palabras", pois "toda acción ten unha reacción", engadiron as Forzas Armadas a través da rede social X.

O ministro do Goberno de guerra, Benny Gantz, asegurou que exixirán a Irán que "pague" polo ataque "cando sexa o momento adecuado". E, para iso, chamou a construír unha "fronte global unida" para "contrarrestar a agresión iraniana directamente e a través dos seus representantes, a nivel rexional e global". Na mesma liña, o ministro de Defensa, Yoav Gallant, deslizou a posibilidade de formar unha coalición que inclúa países como os Estados Unidos ou Alemaña. "Temos a oportunidade de crear unha alianza estratéxica contra esta grave ameaza de Irán que ameaza con instalar explosivos nucleares nestes mísiles, o que sería unha ameaza extremadamente grave", dixo Gallant.

Entende Israel que unha resposta militar estaría amparada polo artigo 51 da Carta das Nacións Unidas, que recoñece o "dereito inmanente de lexítima defensa, individual ou colectiva, en caso de ataque armado contra un membro da ONU", até que o Consello de Seguridade adopte as medidas necesarias para "manter a paz e a seguridade internacionais". Un dereito que reivindicou tamén Irán após a súa ofensiva, alegando que viña en resposta ao bombardeo israelí sobre o seu Consulado en territorio sirio.

O seu ministro de Exteriores, Hosein Amirabdollahian, sinalou que, se ben o Goberno iraniano "non ten intención" de executar novos ataques contra Israel, tampouco dubidará en "protexer os seus intereses lexítimos ante calquera nova agresión". Subliñou tamén que a ofensiva da pasada noite responde ao seu "dereito á lexítima defensa" e á adopción dunha "postura responsábel cara á paz e a seguridade rexional e internacional".

Comentarios